O Goberno deixa Pontevedra e Ferrol fóra das axudas ao transporte público

A Delegación do Goberno anuncia un investimento de case 14 millóns que serían repartidos entre Vigo, Santiago de Compostela, A Coruña, Lugo e Ourense.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/06/2021 | Actualizada ás 14:01

Comparte esta noticia

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, reivindicou os 13,8 millóns concedidos polo Executivo a cidades galegas pola caída de ingresos do transporte público no contexto de pandemia. "Con estas axudas, recoñecemos o esforzo tamén excepcional que fixeron e seguen facendo os gobernos locais para seguir prestando servizos esenciais para a cidadanía nos momentos de crise sanitaria", explica o delegado.

En concreto, o BOE deste mércores publica o Real Decreto polo que se conceden subvencións a municipios que prestan o servizo de transporte público. O Real Decreto materializa o acordo adoptado polo Consello de Ministros a proposta dos Ministerios de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana e de Facenda.

Segundo se indica, cinco cidades galegas recibirán 13.817.582,35€, unha cantidade que se acordou en función da información achegada polos propios concellos sobre os ingresos do servizo do transporte urbano no ano anterior á pandemia, o 2019. As axudas chegarán á Coruña, Lugo, Ourense, Santiago e Vigo, pero non Pontevedra ou Ferrol.

"Esta cantidade corresponde ao 40% do que facturaron estes servizos nese ano, que é o que se estima que deixaron de ingresar polas restriccións de mobilidade e outras derivadas da pandemia", engade. En total, remarca, o Goberno repartirá nos próximos días 433,9 millóns de euros entre entidades locais para compensar a redución de ingresos do transporte público causada polas restricións de mobilidade e a redución de aforamentos nos vehículos durante a pandemia do Covid-19.

O BNG pide máis autobuses á UDC para cumprir o protocolo Covid. BNG
O BNG pide máis autobuses á UDC para cumprir o protocolo Covid. BNG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta