Un 25% de poboación de 40 a 49 anos ten xa polo menos unha dose

Máis do 57,8% dos cidadáns a inmunizar en Galicia contan con polo menos unha picada.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 10/06/2021 | Actualizada ás 12:11

Comparte esta noticia

Unha cuarta parte da poboación de Galicia de 40 a 49 anos recibiu polo menos unha dose da vacina contra a Covid-19, tras iniciarse esta semana a vacinación por idade deste grupo, mentres que no conxunto da Comunidade galega máis do 35,9 por cento xa conta coa pauta completa. En concreto, 849.063 cidadáns xa teñen a pauta completa en Galicia, que supón o 35,93% da poboación a vacinar co proceso finalizado, 3.977 persoas máis que a xornada anterior.

Así se reflicte nos datos actualizados na mañá deste xoves pola Consellería de Sanidade, recollidos por Europa Press, nos que indica que se administraron 2.147.552 dose, 33.018 máis que na xornada anterior, o que supón que se puxeron en Galicia o 91,91% das 2.336.365 recibidas ata a data. Diso dedúcese que a xornada de vacinación deste mércores centrouse en administrar primeiras doses, en concreto do grupo de 45 a 49 anos --máis de 28.500 persoas--, ademais de avanzar en completar a pauta vacunal noutros --case 4.000 cidadáns--.

GRUPOS DE IDADE

Unha muller recibe unha dose da vacina de AstraZeneca no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, a 27 de maio de 2021.. Rosa Veiga - Europa Press
Unha muller recibe unha dose da vacina de AstraZeneca no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, a 27 de maio de 2021.. Rosa Veiga - Europa Press | Fonte: Europa Press

En canto ás persoas que foron citadas a vacinarse pola súa idade, a 1.141.401 galegos administróuselles polo menos unha dose (+29.194) e 699.918 teñen a pauta completa (+1.774).

Ata o momento recibiron polo menos unha dose 1.196.169 persoas maiores de 50 anos en toda Galicia, 1.186 máis que a xornada anterior e constitúen un 93,67 por cento dos galegos a vacinar a partir desa idade. A elas súmanse 81.326 persoas de 45 a 49 anos (+28.521) e 28.639 de 40 a 44 anos (+216) despois de iniciarse esta semana a vacinación por idade neste grupo, que comezou o domingo pasado na área sanitaria de Santiago e Barbanza.

Desde esta semana están chamados uns 386.000 galegos destas idades, xa que os restantes foron vacinados previamente por estar incluídos en persoal sanitario, sociosanitario ou traballadores de actividades esenciais, entre outros.Por tanto, ata o momento 1.365.624 persoas recibiron polo menos unha dose da vacina en Galicia e representan o 57,8% da poboación a vacinar en toda a Comunidade galega.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta