A estratexia do Sergas para enfermidades raras aposta por reducir tempos de diagnóstico

A oposición afea á Xunta que aínda non se publicase o documento coa estratexia aprobada en Consello fai máis dun mes.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/06/2021 | Actualizada ás 14:06

Comparte esta noticia

A estratexia galega para abordar as enfermidades raras terá na formación trasversal dos profesionais do Servizo Galego de Saúde (Sergas) unha das vías para tentar reducir os tempos de diagnóstico, un dos principais problemas aos que se enfrontan as persoas que sofren as doenzas consideradas raras por sumar menos de cinco casos por cada 100.000 habitantes.

O director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal, compareceu este xoves por iniciativa propia ante a Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego do Parlamento de Galicia para informar sobre esta estratexia, que recibiu luz verde por parte do Consello da Xunta o pasado 7 de abril.

O feito de que o documento oficial da estratexia aínda non estea dispoñible a nivel público nin tampouco se facilitou aos grupos políticos levantou as críticas da oposición. Así, BNG e PSdeG afearon que só se coñezan as medidas que inclúe a estratexia a través de "notas de prensa" e que non fose posible consultar o documento ata a data.

Sobre este asunto, Jorge Aboal sinalou que a estratexia estará dispoñible na páxina web do Sergas "nos próximos días" e aduciu a cuestións de maquetación, elección de portada e logos ou tarefas de corrección lingüística para xustificar que o documento aínda non sexa público.

Así as cousas, o plan elaborado pola Administración autonómica para mellorar a atención ás persoas que padecen enfermidades raras se articule ao redor de sete eixos de actuación co obxectivo primordial de configurar "un novo modelo asistencial" para estes pacientes.

Todo iso a través da definición de "criterios homoxéneos" para, fundamentalmente, reducir os prazos para a resolución do diagnóstico con base nunha "xestión coordinada e eficiente" dos distintos niveis que compoñen o sistema galego de saúde.

Aboal recoñeceu que unha persoa pode tardar anos desde que empeza a notar síntomas ata que recibe o diagnóstico de que enfermidade padece nos casos de patoloxías consideradas raras. En Galicia hai 2.000 pacientes vinculados a 22 enfermidades raras que deben declararse ante o rexistro de doenzas estrañas que existe a nivel estatal.

Reducir os tempos diagnóstico é, pois, o horizonte que persegue esta estratexia, configurada en torno ao horizonte 2021-2024 grazas á colaboración con 60 profesionais sanitarios, grupos de pacientes e familiares e en coordinación con asociacións e entidades relacionadas co mundo das enfermidades raras.

OPOSICIÓN

Na quenda dos grupos, a oposición, tras lamentar o non poder contar co documento para a súa análise, coincidiron en advertir que a "saturación" do persoal do Sergas pode dificultar a posta en práctica desta estratexia.

Así o indicaron tanto Iria Carreira (BNG) como Julio Torrado (PSdeG), que alertaron na "xa sobrecargada axenda" dos profesionais do Sergas, especialmente en atención primaria, aos que, segundo os deputados, viríanselles a sumar novas responsabilidades.

Por parte do PP, a parlamentaria Encarna Amigo aplaudiu que a estratexia estea lista "só sete meses despois" dun acordo parlamentario para a súa elaboración.

Jorge Aboal, durante a comisión.. Xunta de Galicia
Jorge Aboal, durante a comisión.. Xunta de Galicia | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta