11.000 galegos de 60 a 79 anos empezan a ser citados para a primeira "repesca" na campaña de vacinación

O Goberno galego pide ás persoas que perderon a súa cita anterior que estean "atentas" aos seus teléfonos.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 10/06/2021 | Actualizada ás 16:34

Comparte esta noticia

Uns 11.000 galegos de entre 60 e 79 anos serán citados de forma "inmediata", nas próximas horas e durante este fin de semana, para formar parte da primeira "repesca" que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) levará a cabo neste período na campaña de vacinación.

Unha persoa recibe a vacina de Moderna contra a Covid-19
Unha persoa recibe a vacina de Moderna contra a Covid-19 | Fonte: Marta Fernández - Europa Press.

Alberto Núñez Feijóo informou desta actuación inminente e pediu ás persoas que perderon a súa cita anterior --polo motivo que sexa-- que estean "atentas" aos seus teléfonos posto que van ser citados de novo.

O obxectivo, explicou Feijóo, é que estas persoas poidan recibir xa a próxima semana a picada pendente, unha primeira dose que permitirá completar, de ser o caso, a vacinación dos galegos de entre 60 e 69 e de entre 70 e 79 anos que faltan por recibir a vacina. "E quedar este asunto resolto", dixo Feijóo, quen apelou a estas persoas a "estar atentas a esta notificación telefónica".

Concretamente, o Sergas chamará a aqueles que ou ben non tiñan actualizado o seu teléfono, ou ben non escoitaron a chamada ou outra situación, non acudiron á cita inicial cando lles correspondía polo seu grupo de idade. Deles, 8.563 son persoas de entre 60 e 69 anos e 2.403, de entre 70 e 79 anos.

Na súa intervención, Feijóo subliñou que o 57 por cento da poboación diana recibiu polo menos unha dose e que o 36,3 por cento xa ten a pauta vacunal completa. Ademais, nos maiores de 50 anos, dáse un 96,1 por cento deles ten unha dose e o 61,9 por cento xa inmunizados.

O propio Feijóo anunciou este mércores que o Sergas fará unha "repesca" semanal de 20.000 galegos que perdesen a súa cita por diversos motivos --xa sexa por ter mal o número de teléfono, razóns laborais ou "non escoitar" a chamada--.

"Reforzamos o sistema de repesca que, en definitiva, calquera persoa que estea nunha idade que xa se vacinase a demais poboación con esa idade e que, por distintos motivos non puidese ser, imos chamalas a todas estas persoas, empezando polas de idade máis alta", sinalou.

Ademais, este sistema permitirá cubrir "ocos" que queden libres ante a previsión de que a asistencia dos máis novos "baixe" con respecto ás idades máis avanzadas. Esta semana están previstas 133.000 primeiras doses e 67.000 segundas, moitas delas vinculadas aínda cos colectivos declarados esenciais. Tamén se actuará nos centros penais.

Finalizados os maiores de 40 anos, Galicia ensaiará xa un sistema mixto, que vai compaxinar un chamamento programado cun sistema de voluntarios que "notifiquen interese por ser vacinados".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta