Os indultos como punto de partida

Que pensariamos de alguén que, para analizar as características dun filme denso e prolongado, proxéctase, exclusivamente, o contido e a forma dun fotograma particular do mesmo? O normal sería considerar que esa valoración é  sumaria e/ou superficial. Necesitariamos visualizar todo o relato  filmográfico para estar en condicións de emitir unha opinión suficientemente ampla e profunda.

Por Xesús Veiga | Compostela | 11/06/2021

Comparte esta noticia

Os indultos que, previsibelmente, vai aprobar o goberno de Pedro Sánchez en favor dos presos independentistas cataláns constitúen só unha escena -por máis espectacular que resulte- desa “película” que se vén proxectando ante os nosos ollos dende o momento no que o Tribunal Constitucional modificou unha parte significativa da reforma do Estatut que previamente aprobara a maioría do corpo electoral catalán. A partir de entón -xuño do ano 2010- sucedéronse diversos acontecementos socio-políticos que se poden sintetizar en tres  vectores destacados: 1)aparición e desenvolvemento dun amplo movemento social favorábel á independencia de Cataluña;  2)viraxe do partido fundado por Jordi Pujol - CDC- cara posicións independentistas tratando de encabezar o clima dominante no seu electorado e 3)falta de vontade e/ou incapacidade do PP -a pesar de posuír a maioría absoluta no Parlamento do Estado- para resolver o conflito político suscitado, procedendo a súa “externalización” xudicial a través dunha querela criminal presentada polo fiscal xeral ante o Tribunal Supremo.
 
Nesta última década, en Cataluña fracasou a política entendida como ferramenta para buscar solucións a problemas complicados. Durante este tempo, o PP -cuxa importancia como partido estrutural do sistema político español non se pode ignorar- errou gravemente no diagnóstico do que estaba a pasar no seo da sociedade catalá (patentando a teoría do “ sufflé”, pensando que estabamos ante unha inflamación pasaxeira que  desaparecería co paso do tempo) e trabucouse totalmente na terapia aplicada (negativa a negociar melloras  substantivas do autogoberno, progresiva  xudicialización do contencioso e utilización electoral do mesmo fóra de Cataluña), asumindo con sorprendente naturalidade a súa progresiva situación de marxinalidade no universo político catalán.
 
Simultaneamente, o independentismo acumulou as maiores forzas posíbeis e apostou por unha declaración unilateral que carecía de viabilidade práctica. A conclusión está á vista: a sociedade catalá está fortemente dividida (así se constatou nas distintas consultas electorais realizadas) e a distancia entre as opinións e sentimentos existentes no interior e no exterior de Cataluña medraron ate niveis dificilmente manexábeis. A última mostra deste singular abismo pódese ver nos estudos  demoscópicos sobre os posibeís indultos: moi maioritariamente aceptados no corpo social catalán e  simetricamente rexeitados no resto do territorio estatal (coa excepción de Euskadi).
 
Dende a morte de Franco, houbo todo tipo de indultos (entre eles a relevantes persoeiros condenados polo 23- F ou pola guerra suxa dos  GAL). Reducir este asunto a un debate xurídico sería tanto como renunciar a usar os recursos políticos que están dispoñíbeis nas democracias de calidade contrastada. A pregunta fundamental que hai que respostar é esta: quérense buscar fórmulas políticas que faciliten, no medio prazo, a reconstrución das pontes destruídas en Cataluña e no Estado español? Seguramente, ese punto de encontro non vai estar na independencia de Cataluña ou no mantemento do actual  statu  quo xurídico-constitucional. Será posíbel tal obxectivo ou estamos condenados a unha  cronificación agravada da inestabilidade que coñecemos durante estes anos? Colocados nesta tesitura, os indultos -e a modificación do delito de sedición no Código Penal- poden ser un punto de partida para esa desexábel dinámica de achegamento e pacto.

Sentenza do xuízo do Procés cos líderes independentistas de Cataluña xulgados
Sentenza do xuízo do Procés cos líderes independentistas de Cataluña xulgados | Fonte: EP

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xesús  Veiga Buxán Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.