Os municipios poderán usar as instalacións dos centros fóra do horario escolar para deporte e actividades

O acordo beneficiará especialmente aos concellos máis pequenos ou situados en zonas rurais que carezan de instalacións apropiadas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/06/2021 | Actualizada ás 12:39

Comparte esta noticia

Os municipios da comunidade galega poderán utilizar as instalacións dos centros educativos fóra do horario escolar para a práctica do deporte e o desenvolvemento de diferentes actividades. Esta medida parte do acordo subscrito este venres entre o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e o presidente da Federación Galega de Municipios Provincias, Alberto Varela.

Ambos os mandatarios situaron este convenio na necesidade de xerar sinerxías, optimizar os recursos e, ao mesmo tempo, abrir as escolas e institutos do territorio "a toda a sociedade", sobre todo no caso dos municipios máis pequenos ou os situados nas zonas rurais que, polas súas particularidades, carecen de instalacións apropiadas para o lecer e a práctica deportiva dos seus veciños.

Román Rodríguez considerou que, na práctica, o acordo recolle "unha tradición" desenvolvida nalgunhas localidades que se servían das instalacións dos centros, ou viceversa, para diferentes iniciativas. Agora, o texto ofrece "un marco" para darlle "seguridade xurídica" para que se poidan impulsar estas actividades con normalidade e "con total garantía", abrindo así os centros "a toda a cidadanía".

O convenio, que se empezará a desenvolver a principios do próximo curso e que ten unha vixencia de catro anos, articulará un sistema de usos para fins exclusivamente educativos, deportivos e culturais e unha estrutura de xestión que ofreza unha regulación para estas actividades e garanta un control dos espazos.

O Goberno local terá que presentar unha solicitude ante a dirección do centro cos datos indentificativos do responsable concreto e os detalles da actividade que se vai a levar a cabo. A pesar de que o uso compartido non implica achegas económicas, ambas as partes comprométense a sufragar os gastos derivados do incremento de actividade nas instalacións de maneira proporcional (en función de horas de uso ou de centros con menos de 100 alumnos, entre outros).

O acordo beneficiará, especialmente, a aqueles puntos da xeografía que unicamente contan con este tipo de prestacións e espazos nos centros educativos, dado que permitirá "unha ampliación da oferta" deportiva e de lecer.

Arquivo - Cancha de baloncesto dun colexio. EUROPA PRESS - Arquivo
Arquivo - Cancha de baloncesto dun colexio. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta