O PP galego estará representado na manifestación de Colón por Miguel Tellado, pero non haberá ninguén da Xunta

Nega "mornezas" na súa postura contra os indultos aos políticos presos cataláns.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 11/06/2021 | Actualizada ás 14:22

Comparte esta noticia

O PP de Galicia estará representado o domingo na manifestación contra os indultos aos líderes do procés que se celebrará na Praza de Colón de Madrid. Será a través do seu secretario xeral, Miguel Tellado, e do presidente de Novas Xeracións (NN.XX.), Adrián Pardo, tendo en conta que o líder da formación e titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, non acudirá alegando unha viaxe para reunirse co papa Francisco o luns. Non hai confirmada a asistencia de ningún membro do Goberno galego.

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado
O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado | Fonte: Europa Press.

Tellado negou que haxa "ningún tipo de morneza" nos populares galegos ao condenar a intención do Goberno central de conceder eses indultos: "Estamos tan comprometidos como os demais". Así, máis aló da súa presenza e a do presidente de NN.XX., destacou que o partido desenvolverá actividades "en distintas prazas galegas" para o domingo, coincidindo coa concentración en Madrid.

Iso si, preguntado pola ausencia non só do presidente galego, senón tamén pola doutros 'baróns' territoriais como Juan Manuel Moreno (Andalucía) e Alfonso Fernández Mañueco (Castela e León), o secretario xeral do PPdeG descartou que sexa algo rechamante: "Estamos a saír ás rúas diariamente a conseguir firmas" contra os indultos.

"Se a vostede (diríxese ao xornalista) lle parece pouco que o 'número dous' do PP de Galicia acuda á cita de Colón, pois non lle podo facer nada máis", insistiu, á vez que defendeu que as recollidas de rúbricas promóvenas as direccións "autonómica, provincial e local".

Con todo, dixo descoñecer a cifra de firmas que levan ata o momento.

Así mesmo, sobre se evitará unha foto con representantes de Vox o domingo, o secretario xeral do PPdeG insistiu en que a protesta do domingo "non vai de fotos", senón "de cumprir a lei e non retorcela para os intereses de ningún partido" e en contra do "sentir maioritario da sociedade española".

Xunto a isto, lembrou que a concentración está convocada pola plataforma Unión 78, non por ningún partido, polo que se pode sumar a ela "quen queira". "Cremos que é unha obriga de todos os demócratas levantar a voz contra o que pretende o Goberno de Pedro Sánchez", recalcou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta