Estupor e repulsa en Galicia polos asasinatos das nenas de Tenerife e dunha adolescente sevillana

Unha quincena de concellos acollen concentracións polos casos de Anna e Olivia e de Rocío Caíz. Institucións, colectivos e partidos galegos mostran a súa condena.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 11/06/2021 | Actualizada ás 18:49

Comparte esta noticia

Diferentes institucións, colectivos, asociacións e partidos políticos despregan este venres por toda Galicia diferentes actos, concentracións e declaracións públicas para mostrar a súa enérxica condena polo crime das nenas de Tenerife tras o achado do corpo de Olivia, a maior das dúas. Ademais, este non foi o único episodio vinculado á violencia machista coñecido nas últimas horas, xa que este mesmo xoves un home confesaba ter asasinado a seu exparella, a menor de 17 anos Rocío Caíz, no municipio sevillano de Martín de la Jara.

Concentración da corporación do Concello de Santiago en rexeitamento aos asasinatos de dúas nenas de Tenerife a mans do seu pai
Concentración da corporación do Concello de Santiago en rexeitamento aos asasinatos de dúas nenas de Tenerife a mans do seu pai | Fonte: Conello de Santiago de Compostela.

Así, en repulsa por estes dous casos, a Plataforma Feminista Galega chamou a secundar protestas nos principais concellos a partir das 18,00 horas da tarde --a primeira celébrase a esa mesma hora en Santiago-- baixo o lema 'Alagar as rúas fronte á barbarie machista!'.

A estas accións sumaranse as que están previstas para a partir das 20,00 en polo menos outros 13 concellos: A Coruña, A Gudiña, Ames, Catoira, Carballo, Lugo, Marín, Nigrán, O Porriño, Redondela, Sada, Vigo e Vimianzo.

A nivel institucional, varios concellos galegos xa protagonizaron na mañá deste venres concentracións en repulsa por este crime. É o caso do Consistorio de Santiago, cuxa corporación saíu á Praza do Obradoiro ao mediodía para manter un minuto de silencio en apoio á familia das nenas de Tenerife.

Tamén o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, expresou todo o seu "agarimo e apoio" á nai e á familia de Anna e Olivia. "Sen palabras ante semellante aberración", escribiu, a través da súa conta de Twitter.

Pola súa banda, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, chamou a "alzar a voz para denunciar a violencia machista", concretamente este caso de "violencia vicaria", que é "a que se exerce contra os fillos e fillas para facerlle o maior dano posible a unha nai".

"Como sociedade algo está a fallar para que isto siga pasando e fai falla un cambio nas políticas educativas para educar en igualdade. As nais e as nenas non somos propiedade de ninguén e temos dereito a facer a nosa vida como queiramos", proclamou a líder nacionalista.

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, mostrouse "consternado ante unha situación tan grave" como o ocorrido en Tenerife. Neste sentido, aseverou que a violencia vicaria é "a peor mostra de violencia que se pode dar na sociedade".

O líder socialista, quen tamén se referiu ao crime de Rocío Caíz, apelou a "non baixar a garda" e a "seguir traballando desde a sociedade civil e desde as institucións públicas para erradicar a violencia machista".

Así mesmo, o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, manifestou en Twitter o seu "agarimo e solidariedade" ás familias de Anna e Olivia e da menor sevillana: "Rabia e impotencia ante esta secuela. Moito camiño por andar".

Tamén aludiu a estes dous casos a nova subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, quen tomou posesión este venres remarcando o seu compromiso pola igualdade e por "unha sociedade mellor, sen violencia machista": "Non se poden permitir crimes como o de Anna e Olivia e o de Rocío Caíz".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta