Luz verde á IXP 'Terras do Navia' para os viños da Fonsagrada, Navia de Suarna e Negueira de Muñiz

Amparará os viños tintos e brancos producidos nestas zonas, que "conseguiron reputación no mercado galego e asturiano".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 11/06/2021 | Actualizada ás 19:22

Comparte esta noticia

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este venres a orde da Consellería de Medio Rural pola que se dá luz verde ao rexistro da indicación xeográfica protexida (IXP) 'Terras do Navia'. Esta denominación amparará os viños tintos e brancos producidos en seis parroquias do concello da Fonsagrada -Cereixido, Lamas de Moreira, Monteseiro, San Martiño de Suarna, Vilabol de Suarna e Vilar da Cuiña-, noutros seis de Navia de Suarna -A Pobra de Navia, Barcia, Castañedo, Muñís, Mosteiro e A Ribeira- e na totalidade do concellos de Negueira de Muñiz.

Uvas de godello
Uvas de godello | Fonte: Martín Codax

Deste xeito, apróbase a remisión da resolución xunto coa documentación pertinente ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, para proceder á inscrición desta IXP no rexistro comunitario das denominacións de orixe protexidas e das indicacións xeográficas protexidas.

Segundo indica Medio Rural, o rexistro desta indicación xeográfica protexida "baséase tanto nas características específicas do produto, claramente vinculadas ao medio natural de produción, como á reputación que conseguiu no mercado galego e asturiano".

"Trátase de viños que reflicten os efectos das condicións termopluviométricas e agronómicas para unha vitivinicultura de calidade, ao que debe sumarse o factor humano que se concreta na implantación das viñas en zonas de boa exposición, con chans quentes, permeables e con baixo nivel de materia orgánica, así como na elección de variedades adaptadas ao medio", explican.

Os viños da IXP elaboraranse exclusivamente con uvas das variedades brancas Branco lexítimo, Albariño, Caíño Branco, Godello, Loureira, Treixadura e Torrontés.

No que respecta ás variedades tintas, están permitidas as Albarín Tinto, Mencía, Merenzao, Brancellao, Caíño Tinto e Laurel Tinto.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta