As contas do Sergas: 300 prazas para máis de 35.000 traballadores temporais

A Xunta lanza unha oferta de postos que dista moito do número de empregados temporais dos que bota man dende hai anos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/06/2021 | Actualizada ás 18:25

Comparte esta noticia

O Servizo Galego de Saúde convocará "antes de agosto" unha nova oferta pública de emprego cun total de 320 prazas distribuídas en 17 categorías e especialidades, unha cifra que dista moito dos máis de 35.000 traballadores temporais que, dende hai anos, encadean contratos de semanas e mesmo días ao servizo dunha sanidade cada vez máis precarizada e temporal, de acordo cos sindicatos do sector.

O conselleiro de Sanidade, Xullo García Comesaña, xunto ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.. XUNTA
O conselleiro de Sanidade, Xullo García Comesaña, xunto ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.. XUNTA

A Consellería de Sanidade explicou, mediante un comunicado, que a decisión se tomou este venres nunha sesión da Mesa Sectorial de negociación do Sergas, presidida pola directora xeral de Recursos Humanos, Ana Comesaña Álvarez, e coa asistencia dos representantes das organizacións sindicais integrantes da mesa: a Confederación Intersindical de Galicia (CIG), Comisións Obreiras (CC.OO.), a Central Sindical e Independente de Funcionarios (CSIF), o Sindicato de Enfermaría (Satse) e a Unión Xeral de Traballadores (UGT).

O sistema de acceso será por concurso-oposición libre e as categorías na que se van a convocar prazas son: persoal médico especialista de hospital nas especialidades de cirurxía oral e maxilofacial; pediátrica; plástica, estética e reparadora; inmunoloxía e oncoloxía radioterápica --21 prazas entre todas as especialidades--; traballador social --46 prazas--, e condutor --12 prazas--.

Tamén sairán a concurso 24 prazas para persoal das tecnoloxías da información (informática) --técnico superior, de xestión e especialista de sistemas e tecnoloxías da información--; 21 prazas para costura, 39 para lavandaría e 45 para ferro; así como 37 para calefactor, 38 de electricista, 18 de fontaneiro e 19 para mecánico.

Sanidade informou de que a publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia (DOG) prevese para "antes do mes de agosto" e destacou que así, "o Sergas dá un novo paso no obxectivo de estabilizar e fidelizar o maior número posible de profesionais do organismo autónomo, esgotando unha vez máis a taxa máxima de reposición de efectivos permitida pola lexislación estatal".

Na reunión ratificouse ademais, o compromiso de "actualizar e mellorar os parámetros que aplicarán a futuros procesos selectivos", a través dunha comisión técnica especializada delegada da Mesa Sectorial.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta