Piden cárcere para o carteiro que tirou ao lixo o correo que debía repartir

Aconteceu na área de Sada en 2017.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/06/2021 | Actualizada ás 16:56

Comparte esta noticia

A Audiencia Provincial da Coruña acollerá o martes o xuízo contra un empregado de Correos para o que a Fiscalía solicita dous anos de cárcere por tirar a un colector a correspondencia que debía repartir. Segundo consta no escrito do Ministerio Público, recollido por Europa Press, este traballador fora contratado para prestar os seus servizos como carteiro a xornada completa entre os días 1 e 30 de setembro de 2017, cando outro empregado se atopaba de vacacións.

Así, o acusado foi destinado á Unidade de Repartición do municipio de Sada e, dentro desta, á sección que implicaba a distribución da correspondencia ás parroquias de Osedo, Mosteirón, Castelo e Mondego. Con todo, nunha data non concretada, o traballador, "consciente e voluntariamente, con grave dano para o servizo público de Correos" --asegura Fiscalía--, deixou tiradas varias bolsas de plástico xunto a un colector situado preto do seu domicilio, en Bergondo.

Estas bolsas contiñan, ademais de residuos domésticos, gran cantidade de correspondencia que entrara en Correos para a súa repartición entre os días 1 e 26 de setembro e que debía de distribuír. En concreto, eran polo menos 150 documentos entre os que se atopaban cartas ordinarias, impresos e outras misivas procedentes do servizo galego de doantes de sangue.

Con todo, tal e como se reflicte no escrito da Fiscalía, "non se coñece" que ninguén presentase "ningún tipo de reclamación" pola falta da adecuada prestación do servizo postal. Os feitos relatados constitúen, para o Ministerio Público, un delito de infidelidade na custodia de documentos polo que o carteiro se enfronta a dous anos de prisión, 15 meses de multa a razón de 12 euros diarios e outro tres anos de inhabilitación para desempeñar calquera función na Sociedade Estatal Correos e Telégrafos.

Vehículo de Correos
Vehículo de Correos

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta