O sector da verbena ameaza con concentrarse nas probas piloto se a Xunta non cambia o protocolo

Unha asociación xa demandou permiso administrativo para manifestarse nas probas do vindeiro sábado 19. Demandan que a Xunta rectifique o plan para incluír a todos os sectores da festa galega: "deixaron fóra a moitos".

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/06/2021 | Actualizada ás 17:32

Comparte esta noticia

Nova protesta no marco da verbena galega. A Asociación de Empresarios de Servizos de Festas de Galicia (SERFEGA) vén de convocar mobilizacións contra a proba piloto disposta pola Xunta de Galicia para o vindeiro sábado 19. A protesta, apuntan, consistirá nun acto ante as propias orquestras co obxectivo de denunciar as “carencias” do protocolo disposto por Sanidade.

Verbena en Galicia co Combo Dominicano. COMBO DOMINICANO
Verbena en Galicia co Combo Dominicano. COMBO DOMINICANO

Esta protesta, que prevén repartir nos seis puntos do territorio galego onde terán lugar as probas piloto, viría motivada polas normas que a Consellería de Sanidade dispuxo para a celebración dos eventos. Entre estes cóntanse a limitación a 5000 persoas ou a necesidade de gardar distancias entre grupos de convivencia, pero o desencanto dos empresarios vén polo “esquecemento” da Xunta con respecto a boa parte da industria da festa galega.

“Déixanse fóra moitas cousas da verbena”, destaca Jose Veiga, presidente da asociación convocante. Veiga subliña, neste aspecto, que unha verbena non é só a orquestra --como ao seu ver parece entender a Xunta-- e censura que a administración autonómica non ponderara incluír foguetes, cantinas ou iluminación. 

“Notamos carencias e que non se atenderon as nosas peticións, nin se deu importancia a facer unha proba piloto de verbenas como é unha verbena”, engade a Galicia Confidencial o convocante formal desta mobilización, que agarda xuntar entre 50 e 100 persoas en cada espazo aberto onde o vindeiro sábado 19 terán lugar as probas en cuestión. 

"PEDIMOS QUE SE DEIXEN ACONSELLAR"

Veiga xa vén de demandar ás autoridades o permiso para se manifestar neses espazos, onde, considera, deberían ter sido invitados representantes administrativos e organizadores da verbena, e non tanto o público xeral. Argumenta que, no caso de ter contado con concelleiros de festas e comisións dos consistorios ao redor, estes poderían comprobar “como se realiza unha festa agora”.

En liñas paralelas, a plataforma afea á Xunta que non permita a instalación dunha carpa alegando --apuntan-- motivos sanitarios. Veiga fai fincapé, neste aspecto, nas probas relativas ao lecer nocturno, onde a Xunta permitiu concentracións de centos de persoas en espazos pechados. “Nós só pedimos un teito, sen paredes”, puntualiza.  

Esta chamada de atención do sector das orquestras á Xunta chega logo de longos meses nos que a demora das axudas públicas prendeu os ánimos de parte dos empresarios do sector. Agora son conscientes xa de que enfrontan a “recta final” dunha etapa dura e que quedará na memoria como un tempo negro para o mundo da orquestra galega. Músicos, responsables de iluminación e demais empresarios piden paso á Xunta: “que se deixen aconsellar polos que levamos a vida nisto”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta