O PPdeG paraliza a petición de traspaso das competencias de tráfico a Galicia: pasa da abstención ao non

Os populares matizaron a súa postura tras reunirse con gardas civís e o PSOE pretendía cunha emenda darlles prioridade na nova policía.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/06/2021 | Actualizada ás 19:36

Comparte esta noticia

O traspaso de competencias de tráfico a Galicia terá que volver esperar. O PPdeG, que se abstivo na entrada a trámite da iniciativa impulsada polo BNG --o que facilitou sen apoiala expresamente a súa tramitación--, paralizará na comisión parlamentaria a tramitación da proposición de lei para a súa tramitación no Congreso, á que, como primeiro punto, xa non presentou sequera emendas.

Fontes populares alegaron a Europa Press que a decisión se debe á tardanza na tramitación da lei de traspaso da titularidade da AP-9 e que agora queren "centrar" os esforzos nas cuestións pendentes, sen iniciar outro proceso máis.

En plenos conflitos de competencias por cuestións como o marisqueo e a lei de saúde galega, recorrida e suspendida no artigo 38.2 ante o Constitucional, o grupo maioritario que sostén o Goberno de Alberto Núñez Feijóo decidiu, deste xeito, cambiar a súa abstención do pasado 27 de abril ao "non".

Con todo, os populares xa matizaran a súa postura a principios do mes de maio tras as severas críticas dos gardas civís a esta iniciativa. Así, tras reunirse con representantes de dez colectivos de gardas civís, o PPdeG asegurou que "renunciaría" a reclamar estas competencias se coa asunción desta competencia "non é posible garantir a presenza da Garda Civil en Galicia" e afirmou que había "outras prioridades", como a AP-9.

Tras aquel encontro, a Asociación Prol Garda Civil (Aprogc) chegou a tachar a proposición de lei de "falta de respecto" e de "falta de consideración" cara a todos os axentes do instituto armado.

OS SOCIALISTAS EMENDARON O TEXTO

Mentres que os populares non presentaron ningunha emenda, os socialistas rexistraron unha despois de catro ampliacións de prazo para a súa presentación.

Concretamente, o PSOE tamén se fixo eco das protestas dos gardas civís ao querer incorporar no texto, que non se tramitará, que "se habilitarán os mecanismos necesarios, dentro dos termos legalmente permitidos, para garantir, de ser o caso, a prioridade no acceso dos axentes da Garda Civil que decidan entrar a formar parte da policía que vaia a exercer as competencias transferidas".

Sinal de tráfico nunha rúa de Santiago de Compostela
Sinal de tráfico nunha rúa de Santiago de Compostela | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta