A filla do alcalde de Verín renuncia á praza no concello tras as acusacións de 'enchufismo'

De 14 persoas que se presentaron ao exame só aprobou a filla do rexedor.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/06/2021 | Actualizada ás 14:31

Comparte esta noticia

Novo episodio na polémica pola suposta contratación 'a dedo' no concello de Verín. A cuestión estalou semanas atrás, cando se coñeceu que a filla do alcalde fora a única persoa seleccionada para desempeñar a praza do servizo municipal de dependencia; unha contratación temporal que se desenvolveu sen temario nin garantía de custodia do exame, de acordo con sindicatos consultados por Europapress. 

Pleno ordinario febreiro 2021. Foto: Prensa Concello de Verín
Pleno ordinario febreiro 2021. Foto: Prensa Concello de Verín

O "anómalo" do resultado --de 14 persoas que se presentaron ao exame só aprobou a filla do rexedor-- motivou unha comisión de control no concello que hoxe se vén de saldar coa renuncia da persoa seleccionada. O Concello de Verín fai pública este martes 15 a carta de renuncia entregada pola filla do rexedor, que subliña en todo momento a súa "boa fe" á hora de presentarse ao proceso. 

A muller expón que decidiu presentarse á praza de axuda á dependencia unha vez a empresa na que ata entón exercía quedara en ERTE. Destaca, neste aspecto, que ao se presentar ao proceso de selección confiaba na "igualdade" garantida pola Constitución española; circunstancia que agora remacha con certa acritude ao destacar que foi "inxenua".

A seleccionada entre 14 persoas para cubrir a praza vacante no consistorio dominado pola formación local do PSOE apunta así que decidiu presentar a súa renuncia, pero non para dar a razón ás acusacións de "enchufismo" formuladas dende a oposición e que mesmo chegaron ao panorama autonómico coa intervención do secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, pedindo a dimisión do rexedor ourensán. A muller destaca na misiva que renuncia ante o conflito xerado, no que ve unha cuestión motivada por "intereses políticos" e porque non quere ser empregada como "arma arroxadiza" coa cal ferir a persoas "próximas", en clara alusión ao seu proxenitor. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Ben feito... así poderá aspirar a outra praza mellor remunerada !