O traspaso das competencias en meteoroloxía e a violencia machista dixital, a debate no próximo pleno

Rueda comparecerá para informar sobre a campaña turística co foco posto no Xacobeo

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/06/2021 | Actualizada ás 14:29

Comparte esta noticia

O debate para a transferencia a Galicia das competencias en materia de meteoroloxía e a inclusión na lei galega de violencia de xénero da protección ás vítimas que sofren acoso e outro tipo de violencias a través de Internet abrirán unha nova sesión plenaria na Cámara galega, onde comparecerá o número dous do Goberno autonómico, Alfonso Rueda, para informar sobre a campaña turística co foco posto na reactivación dos fluxos nun verán marcado polo Xacobeo.

Eses serán o tres primeiros puntos da segunda sesión plenaria do mes de xuño, que acollerá o Pazo do Hórreo os días 22 e 23 de xuño e cuxo orde do día foi configurado na xunta de portavoces celebrada na mañá deste martes.

Ademais dos dous textos lexislativo --o da transferencia das competencias en meteoroloxía corre a cargo do BNG e a modifición da lei de violencia de xénero está impulsada polo Grupo Popular-- e a comparecencia de Rueda por petición propia, a sesión tamén recibirá os ecos políticos da retirada da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade, asunto que levan tanto o PP como o PSOE en senllas iniciativas e que o BNG tratou de abordar cunha comparecencia do conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, que foi finalmente rexeitada.

Así mesmo, os careos entre o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e os líderes das forzas da oposición --Ana Pontón (BNG) e Gonzalo Caballero (PSdeG)-- pivotarán sobre dous asuntos diferentes. A nacionalista demandará ao mandatario que explicite que medidas baralla para abaratar a factura da luz, mentres que o socialista pedirá explicacións sobre a colaboración entre a Administración autonómica e os concellos á hora de abordar a reactivación da economía tras a pandemia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta