Temas: FRASEOLOXíA

“(A) Nai que o[me, te, nos...] pintou”, fórmula equivalente, entre varias outras, á castelá “la madre que lo[me, te, nos...] parió”

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 20/06/2021 | Actualizada ás 21:55

Comparte esta noticia

Hoxe imos abordar fórmulas expresivas que, grosso modo, veñen a se corresponder coa castelá la madre que lo [me, te, nos...] parió, e coas cales se adoita manifestar rexeitamento, protesta, imprecación ou contidos semellantes, e mesmo tamén, en función dos contextos, admiración.

viñetas para reivindicar a paridade nos medios
viñetas para reivindicar a paridade nos medios | Fonte: Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia

¡La madre que lo[me, te, nos...] parió!

{= Fórmulas expresivas coas que se adoita manifestar rexeitamento, protesta, imprecación ou contidos semellantes, e mesmo, en función dos contextos, admiración.}

¡(A) Nai que o[me, te, nos...] pintou # botou # deu # fixo # pariu # matriculou!

¡(O) Deus que o[me, te, nos...] pintou # botou # deu # fixo # pariu # matriculou # abalou!

¡(O) Pai que o[me, te, nos...] fixo!

¡(O) Santo que o[me, te, nos...] deu!

¡A landra que o[me, te, nos...] deu!

¡(A) Madre que o[me, te, nos...] chimpou!

[MESMO TAMÉN, PROBABLEMENTE USADAS EN MENOR PORCENTAXE CÁS OUTRAS Á HORA DE EXPRESAR ADMIRACIÓN]:

¡A parteira que o[me, te, nos...] apañou # aproveitou!

¡Demo # Dodemo o santo que o[me, te, nos...] deu!

Ex.: —Tenía tanta hambre que también me he comido tu parte del pastel. —¡La madre que te parió!

—Tiña tanta larica que tamén comín a túa parte do pastel. —¡(A) Nai que te pintou que te botou que te deu que te fixo que te pariu que te matriculou! & ¡(O) Deus que te pintou que te botou que te deu que te fixo que te pariu que te matriculou que te abalou! & ¡(O) Pai que te fixo! & ¡(O) Santo que te deu! & ¡A landra que te deu! & ¡(A) Madre que te chimpou! & ¡A parteira que te apañou # que te aproveitou! & ¡Demo # Dodemo o santo que te deu!

Ex.: Es que no baja de un nueve en ningún examen. ¡La madre que la parió!

É que non dá baixado dun nove en ningún exame. ¡(A) Nai que a pintou que a botou que a deu que a fixo que a pariu que a matriculou! & ¡(O) Deus que a botou que a deu que a fixo que a pariu que a pintou que a matriculou que a abalou! & ¡(O) Pai que a fixo! & ¡(O) Santo que a deu! & ¡A landra que a deu! & ¡(A) Madre que a chimpou! & ¡A parteira que a apañou # que a aproveitou! & ¡Demo # Dodemo o santo que a deu!

● Tamén, sen expresar nunca admiración cando precede “malia” en galego ou “maldita sea” en castelán:

¡(Maldita sea) La cuna que lo[me, te, nos...] arrulló!

¡(Malia) O berce que o[me, te, nos...] abalou! && ¡(Malia) A nación que o[me, te, nos...] deu!

● E tamén, asociadas a un rexistro inda máis coloquial e popular, e mesmo vulgar:

¡(A) Cona que o[me, te, nos...] botou # deu # fixo # pintou # pariu # conachou! && ¡(O) Cono que o[me, te, nos...] botou # deu # fixo # pintou # pariu # conachou! && ¡(O) Carallo que o[me, te, nos...] botou # deu # fixo # pintou! && ¡(A) Puta que o[me, te, nos...] botou # deu # fixo # pintou # pariu # conachou!

NOTAS:

1. Nótese que –mesmo podendo ser usadas para manifestar tamén nalgún caso admiración– practicamente todas estas fórmulas (agás ¡Dodemo o santo que o[me, te, nos...] deu!) poden ir precedidas da secuencia “¡cago en...! (ou mesmo “me cago en...” se se entende que esta estrutura castelá xa debe formar parte, como calco, do acervo lingüístico galego):

¡Cago na nai que o[me, te, nos...] pintou # botou # deu # fixo # pariu # matriculou!

¡Cago no Deus que o[me, te, nos...] pintou # botou # deu # fixo # pariu # matriculou # abalou!

¡Cago no pai que o[me, te, nos...] fixo!

¡Cago no santo que o[me, te, nos...] deu!

¡Cago na landra que o[me, te, nos...] deu!

¡Cago na madre que o[me, te, nos...] chimpou!

¡Cago na parteira que o[me, te, nos...] apañou # aproveitou!

[...]

2. A fórmula ¡(a) madre que o[me, te, nos...] chimpou! está neste caso adaptada á normativa vixente, xa que a expresión xenuína, tal e como se recolle no artigo “Fraseoloxía de Matamá”, de Anxos Hermida Alonso, é ¡a madre que o[me, te, nos...] zampou!

3. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- Castro Otero, Salvador et alii: “Botando unhas liñas no mar do Morrazo”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 19, 2017, páxs. 127-150. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Cerviño Ferrín, María Victoria: “Fraseoloxía e paremioloxía en Sebil, 2”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 15, 2013, páxs. 441-462. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Equipos de dinamización da lingua galega dos CEIPs de Bormoio-Agualada e Canosa Rus: Fraseoloxía e paremioloxía recollida nos concellos de Coristanco e Carballo (A Coruña). No URL:

http://www.edu.xunta.gal/centros/ceipdebormoioagualada/system/files/FRASEOLOXIA%20E%20PAREMIOLOXIA%20%20DE%20CORISTANCO.pdf

- Goce Denis, Amparo: “Parucadas: un ‘dialecto’ vivo nacido en Baiona”. Blog no enderezo de Internet http://parucadas.blogspot.com/

- Hermida Alonso, Anxos: “Fraseoloxía de Matamá (Vigo)”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 11, 2009, páxs. 283-304. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Martíns [antes, Martínez] Seixo, Ramón Anxo: “108 fórmulas galegas”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 9, 2007, páxs. 235-246. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Martíns [antes, Martínez] Seixo, Ramón Anxo: “Hai cousas que parecen lousas. Unha nova achega á fraseoloxía do Cachafeiro”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 18, 2016, páxs. 211-247. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Real Academia Galega: Diccionario gallego-castellano, de entre 1913 e 1928. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Rodríguez González, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego castellano, vols. I (1958), II (1960) e III (1961). Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 BeneB

A miña aboa dicía moito: "A tarteira que te aproveitou", pode ser que fora "A parteira que te aproveitou" mal falado. Aos meus irmáns e a min dábanos ben risa. Xa fai tempo diso, case nen lembraba. Moi interesante e didáctico o artigo.