Endesa comezará o 1 de xullo a prescindir de auxiliares e trasladar os seus traballadores nas Pontes

Os sindicatos convocan unha protesta ante a Xunta este xoves en Santiago de Compostela.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 15/06/2021 | Actualizada ás 19:51

Comparte esta noticia

A dirección de Endesa trasladou aos sindicatos CCOO, UGT e CIG que comezará a prescindir de empresas auxiliares a partir do 1 de xullo na central térmica das Pontes. O 30 de xuño, precisamente, finaliza a garantía de emprego coa que a empresa eléctrica se comprometeu ante os representantes dos traballadores.

Mobilización nas Pontes
Mobilización nas Pontes | Fonte: Europa Press

Así o comunicaron os sindicatos tras un encontro bilateral con responsables da empresa, celebrado este luns, e tras o que lamentaron que "se confirman as peores expectativas para o mantemento do emprego na central térmica".

Endesa comunicoulles que non pode seguir mantendo o emprego ante a prolongación do proceso de peche e a falta de apoio das institucións ao seu plan de futuro.

Por iso, desde o 30 de xuño espérase unha redución progresiva do persoal das auxiliares e un mantemento de mínimos deste persoal polo deber de manter formalmente operativo algún grupo da factoría.

A compañía comunicou o inicio dos traslados fóra das Pontes dos seus empregados "a partir de 1 de xullo". Nun primeiro momento afectará a uns poucos traballadores, "pero xa o 1 de agosto será un grupo numeroso o que teña que emigrar", xa que só manterán "un grupo reducido para cubrir o mínimo necesario".

Os sindicatos censuran esta situación despois de que a empresa "sacase millóns de euros de beneficios á conta das Pontes e agora aboca ao paro e á emigración aos traballadores", ademais dunha "perda económica irreparable á actividade económica da propia localidade".

En canto ás administracións, acúsanos de "enchérselles a boca de falar de transición xusta" e de reiterar que "non se vai quedar ninguén atrás, e agora nin tan sequera responden as peticións enviadas de reunións por separado á ministra de Transición Ecolóxica, á ministra de Traballo e ao presidente da Xunta".

NOVA MOBILIZACIÓN

É por iso que o tres sindicatos decidiron facer un chamamento a todos os cidadáns para que participen nunha nova concentración que teñen convocada para este xoves, 17 de xuño, ás 12,00 horas, ante o edificio administrativo da Xunta en San Caetano, en Santiago de Compostela, para o que pon a disposición dos interesados autobuses gratuítos para desprazarse desde As Pontes á capital de Galicia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta