Detido na Coruña un home por asaltar armado cun coitelo unha farmacia

O home, de 41 anos de idade, fora detido anteriormente en numerosas ocasións por feitos similares, destacou a Policía Nacional.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/06/2021 | Actualizada ás 13:04

Comparte esta noticia

A Policía Nacional detivo na Coruña a un home por un roubo con violencia e intimidación nunha farmacia desta cidade, da que subtraeu diñeiro e produtos a punta de coitelo. Foi localizado e arrestado días despois cando cometía outro feito delituoso nun supermercado.

Segundo informou a Policía Nacional, os feitos producíronse o pasado 4 de xuño cando o home, que ocultaba o seu rostro cunha carapucha, e armado cun coitelo "de grandes dimensións", accedeu a unha farmacia da cidade herculina e intimidou ás dependentas cun coitelo para apropiarse do diñeiro da caixa e de diversos produtos. A continuación, abandonou o lugar á carreira.

Iniciada a investigación policial polos feitos, a Policía Nacional logrou pescudar a identidade do home e continuou coas xestións para a súa localización e detención.

Deste xeito, o pasado 11 de xuño varias dotacións policiais acudiron a un supermercado da cidade no que se cometía un furto. Cando chegaron ao lugar dos feitos, os axentes constataron que o autor do furto era o home buscado polo atraco na farmacia, polo que procederon ao seu arresto por ambos os feitos.

No momento da detención, ao home incautóuselle unha navalla. Unha vez tramitadas as dilixencias policiais, o detido foi posto a disposición da autoridade xudicial, que decretou o seu ingreso en prisión.O home, de 41 anos de idade, fora detido anteriormente en numerosas ocasións por feitos similares, destacou a Policía Nacional.

Coche patrulla da Policía Nacional
Coche patrulla da Policía Nacional | Fonte: Europa Press.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta