Fin ás restricións nas residencias galegas: "alí xa acabou a pandemia"

A Xunta anuncia que volven estar permitidas as reunións diarias de familiares, sen límite de asistentes.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/06/2021 | Actualizada ás 13:44

Comparte esta noticia

"No interior das residencias e dos centros de día acabou a pandemia". Así o proclamou este mércores o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quen avanzou o fin das restricións dentro destes centros, aínda que se manterán algunhas recomendacións, así como a obrigatoriedade do uso de máscara.

Nunha visita á residencia pública de Volta do Castro, en Compostela, na que estivo acompañado pola conselleira de Política Social, Fabiola García, o presidente autonómico anunciou o paso, ratificado, dixo, polo comité clínico que asesora á Xunta desde o inicio da pandemia. As restricións decaerán a partir do próximo venres.

"Os usuarios poderán volver á vida normal prepandemia, cun extra de precaucións", explicou, antes de concretar que, quen residan en xeriátricos poderán volver comer xuntos ou realizar outro tipo de actividades comúns limitadas por mor da covid-19. Tamén se levantan as restricións para saír ao exterior, que volverán axustarse á organización interna de cada residencia.

Dous traballadores sanitarios totalmente protexidos acoden a unha residencia de anciáns
Dous traballadores sanitarios totalmente protexidos acoden a unha residencia de anciáns | Fonte: Carlos Castro - Europa Press - Arquivo.

Así mesmo, flexibilizaranse as visitas familiares, que poderán realizarse todos os días e por parte de máis dun familiar --aínda que se propón que non acudan máis de dous--. Nos centros de día, entre outras cuestións, recupéranse as rutas de transporte, aínda que Sanidade continúa recomendando os desprazamentos individuais na medida do posible.

CENTROS DE DÍA

Recupéranse as rutas de transporte aos centros con normalidade, aínda que Feijóo incidiu nas vantaxes dos desprazamentos individuais.

Ademais, decaen outras obrigacións como a de cubrir a enquisa epidemiolóxica, cambiar o calzado ou, no caso de profesionais, cambiar de roupa en cada saída ao exterior.

MEDIDAS PREVENTIVAS QUEN NON ESTEAN VACINADOS

No que respecta ao "extra de precaución", Feijóo incidiu en que os usuarios que por calquera causa non estean vacinados deberán manter as medidas preventivas; mantense a obrigatoriedade da máscara para todos os residentes mentres non cambie a normativa actual; e consérvanse todas as recomendacións hixiénico-sanitarias como o lavado frecuente de mans ou a boa ventilación.

Despois de lembrar a importancia da inmunización, Feijóo aproveitou a visita tamén para recoñecer e agradecer o traballo de toda a comunidade destes centros que, desde o primeiro momento, redobrou esforzos e adaptouse a uns protocolos "moi esixentes", para conter o virus e dando sempre "a mellor atención".

SAÍDAS A DOMICILIO

A resolución conxunta da Consellería de Sanidade e da Consellería de Política Social pola que se retiran algunhas das restricións vixentes nas residencias por mor da mellora da situación epidemiolóxica ratifica a 'nova normalidade' para os usuarios das residencias e dos centros de día de Galicia, aínda que mantén unha serie de condicións para preservar a seguridade fronte á covid-19.

Entre outras cuestións, nos centros residenciais de maiores, a resolución confirma que se permiten as saídas ao domicilio, sempre que a ausencia do centro sexa "de como mínimo cinco días" e o domicilio non se atope nun municipio con nivel de risco extremo. Ademais, o usuario, para regresar ao centro, deberá presentar unha proba negativa (PCR ou antígeno).

En canto ás visitas, concrétase que se permite "un mínimo de tres semanais" a cada usuario, podendo superarse este número en función da "dispoñibilidade de persoal e espazos", o que abre a posibilidade de que, na liña do manifestado polo presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, póidanse chegar a diario se se dan as condicións.

A estas visitas poderán acudir, previa cita, dous familiares ou persoas achegadas ao usuario. Engade a resolución que este máximo poderá superarse en función das condicións organizativas do centro. Ademais, nas visitas permitirase o contacto físico entre o usuario e o visitante, debéndose realizar unha desinfección de superficies antes e despois do encontro. En todo caso, as visitas deberán portar máscara obrigatoriamente e os usuarios tamén na medida que toleren o seu uso.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta