A Xunta e o BNG enfróntanse pola asesoría a persoas afectadas por "okupación" de vivendas

O goberno galego cualifica o fenómeno de "preocupante" mentres que a formación nacionalista ve este tema como "anectdótico".

Por E.P. | Santiago de Compostela | 16/06/2021 | Actualizada ás 14:17

Comparte esta noticia

O BNG cuestionou este mércores a necesidade dun convenio como o asinado pola Xunta co Consello da Avogacía Galega para asesorar a persoas afectadas pola 'okupación' das súas vivendas, xa que é un problema "anecdótico" en Galicia e hai outras situacións que "deberían preocupar" ao goberno galego.

Así o trasladou o deputado nacionalista Iago Tabarés, nunha pregunta formulada ao director xeral do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), Heriberto García, no Parlamento de Galicia. Segundo sinalou o parlamentario do BNG, os datos de vivendas ocupadas nos últimos anos "non xustifican" a firma dese convenio e o uso de diñeiro público para asesorar sobre un problema "que non existe" en Galicia. "Resulta asombrosa a campaña do PP e da Xunta de alarma social sobre a 'okupación' (...), é unha alarma importada que mellora as contas de resultados das empresas de seguridade", denunciou.

Respecto diso, sinalou que, fronte a 94 xuízos por problemas de ocupación de vivendas en 2020, existen outras situacións con cifras máis alarmantes que, con todo, non mereceron a intervención da administración, como o número de desafiuzamentos (1.150 en 2020), o de persoas declaradas en quebra (301) ou os casos de aplicación indebida de cláusulas bancarias abusivas (3.469). Así mesmo, Tabarés subliñou que a propia Xunta recoñeceu a necesidade de reforzar os xulgados para atender aos problemas de 'okupación' de vivendas e "non fixeron nada".

"PROBLEMA CRECENTE"

Pola súa banda, Heriberto García sinalou que non hai datos públicos claros sobre o fenómeno da 'okupación', xa que o Ministerio do Interior non os traslada de forma habitual. No entanto, indicou que si se pode concluír un incremento dun 30 por cento no número de denuncias durante o pasado ano en Galicia, polo que é "un problema crecente".

Segundo indicou o director do IGVS, responsables autonómicos mantiveron contacto en setembro do ano pasado con entidades veciñais de toda Galicia, así como con outros colectivos, como o Colexio de Administradores de Fincas ou a propia Fiscalía, e todas as entidades coinciden en manifestar a súa "alarma" por esta situación e polos "problemas de convivencia e conflitos de seguridade que xera".

O responsable do ente autonómico explicou que a propia Xunta ten problemas con 'okupas' en vivendas da súa titularidade e, tal e como precisou Heriberto García, o perfil das persoas que entran nesas vivendas non é o de solicitantes de axudas nin inscritos no rexistro de demandantes de vivenda. "Non se pode negar a existencia do problema, e a Xunta ten a obrigación de dar resposta aos cidadáns afectados. Non sería necesario se o Goberno de España tomase medidas", sentenciou.

FALTA DE TRANSPARENCIA

Por outra banda, o PSdeG tamén expuxo este mércores en comisión parlamentaria unha pregunta ao goberno galego sobre o grao de cumprimento da lexislación en materia de transparencia, e denunciou que é "imprescindible" mellorar neste ámbito "para un bo funcionamento democrático".

Segundo explicou o deputado socialista Pablo Arangüena, o goberno de Feijóo leva "anos de atraso" na publicación de información "básica e elemental", como o informe sobre os acordos parlamentarios, os datos estatísticos de contratación ou o plan normativo anual, e tachou de "propaganda" os anuncios da Xunta sobre actuacións para mellorar a xestión e a transparencia.

En resposta a estas críticas, o director xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, Jesús Oitavén, recoñeceu "pequenas incidencias e erros", que atribuíu á carga de traballo dos departamentos autonómicos e á concentración de esforzos na loita contra a pandemia, así como á necesidade de máis tempo para "procesar datos". "Todo é susceptible de ser mellorado", afirmou, aínda que precisou que "non hai ánimo de ocultación da información nin de opacidade".

Ademais, Oitavén lembrou que o Goberno de Pedro Sánchez tampouco publicou datos actualizados de contratos, nin a relación de acordos parlamentarios nin o plan normativo anual, "e non por iso é menos democrático". De feito, puntualizou, "si que é menos transparente que a Xunta, que publica máis información".

BALANCE DA AXENCIA EUROPEA DE COOPERACIÓN TRANSFRONTEIRIZA

Finalmente, o goberno galego rendeu contas este mércores sobre os máis de dez anos de funcionamento da Axencia Europea de Cooperación Transfronteiriza (AECT) Galicia-Norte de Portugal, en resposta a unha pregunta do grupo parlamentario do PPdeG.

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, explicou que o balance destes anos é "netamente positivo" e que, ademais de actuacións de cooperación en materia educativa, de I+D+i, industria, emprego ou cultura, a AECT implicouse tamén para coñecer e paliar as consecuencias que tivo na rexión transfronteiriza o peche de fronteiras decretado debido á pandemia de Covid.

Segundo lembrou Gamallo, esta medida tivo "gran contestación" por parte dos alcaldes de ambos os lados da fronteira, e celebráronse varios encontros para coñecer o seu impacto. Froito dese traballo elaborouse un "plan de reactivación" que incluía propostas como crear protocolos para futuros peches, potenciar o investimento na eurorrexión, elaborar un protocolo conxunto para emerxencias sanitarias, implentar o portelo único para apoiar ao tecido empresarial, ou actuacións relativas ao fomento do emprego.

Con todo, o director xeral tamén fixo "autocrítica", e recoñeceu que a AECT, a pesar de que fai "un gran traballo", apenas ten "visibilidade". "A sociedade galega coñécea pouco, é algo que temos que resolver", admitiu.

Tapiando a Sala Yago en Compostela tras a okupación
Tapiando a Sala Yago en Compostela tras a okupación | Fonte: rabudo twitter

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta