Os 24 traballadores despedidos de Cándido Hermida irán a xuízo tras finalizar sen acordo a conciliación

Coincidindo cos últimos casos concentráronse ás portas do SMAC de Ferrol, na rúa Real.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/06/2021 | Actualizada ás 17:42

Comparte esta noticia

Os 24 traballadores despedidos durante o mes de abril do grupo de empresas Cándido Hermida irán a xuízo tras finalizar todos os actos de conciliación sen acordo.

O secretario comarcal da Federación de Construción e Madeira da CIG en Ferrol, Marcos Sánchez, explicouno durante unha concentración que os despedidos e delegados do sindicato nacionalista e de CC.OO. protagonizaron este mércores, ás portas do Servizo de Mediación Arbitraxe e Conciliación (SMAC) de Ferrol, na rúa Real.

Segundo Sánchez, por parte desta empresa, que teñen entre os seus clientes a varias firmas do téxtil, ademais da habilitación de barcos e empresas hoteleiras, "non houbo ningún tipo de intención de achegamento de posturas durante os actos de conciliación e por iso serán os xulgados do social os encargados de decidir sobre estes despedimentos".

"Nós como traballadores e sindicatos imos continuar mobilizándonos ante esta barbaridade", adiantou.

MEDIDA NON XUSTIFICADA

O representante da CIG asegurou non entender estes despedimentos, "xa que a día de hoxe sábese que se seguen subcontratando traballos, que teñen moita ocupación e se continúa desviando encargos, dunha maneira antes nunca vista nesta empresa".

Estiman desde os sindicatos que estes despedimentos foron executados co obxectivo de "amedrentar" ao resto de operarios á hora de reclamar os seus dereitos laborais e como un "castigo" por promover asembleas para evitar modificar as condicións vixentes nas empresas pertencentes a este grupo empresarial asentado na comarca de Ferrolterra, con centros de traballo en Narón e Valdoviño.

Protesta por despedimentos no grupo Cándido Hermida
Protesta por despedimentos no grupo Cándido Hermida | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta