A xuíza constata "indicios" da participación activa do investigado no crime de Nerea Añel

Decreta liberdade provisional posto que xa se atopa en prisión e privado de liberdade por outros delitos.

Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 16/06/2021 | Actualizada ás 18:03

Comparte esta noticia

A titular do xulgado de Instrución número 3 de Ourense ve "indicios" suficientes para constatar a "participación activa" no crime que se saldou coa morte de Nerea Añel de J.G.S., última parella coñecida da nova e principal sospeitoso e investigado na causa.

No entanto, a maxistrada decretou a liberdade do investigado por homicidio posto que o home xa se atopa privado de liberdade por outros delitos, polo que non existe risco de fuga.

A medida privativa de liberdade ten por obxecto principal "conxurar certos riscos relevantes para o desenvolvemento do proceso e a eventual execución do fallo", polo risco de que o imputado "poida subtraerse á acción da administración da xustiza", sostivo a maxistrada.

Esta circunstancia non se produce, engade, posto que "o cumprimento en calidade de penado de penas impostas en sentenza firme" permite concluír "que non hai risco de fuga nin perigo para a ocultación, alteración ou destrución de probas relevantes", polo que non se producen "os fins constitucionalmente lexítimos e congruentes para ditar prisión provisional".

Na mesma liña, a maxistrada avala que "non hai perigo" de que o imputado poida actuar contra bens xurídicos da vítima polo que se acorda a liberdade provisional para a causa.

Con todo, determinou que se trata dun homicidio doloso expondo que "existen indicios dunha participación activa por parte do investigado no falecemento".

"A análise forense revela a morte violenta de N.A.V., producida por precipitación sobre o leito do río Barbadás, centrándoo no tempo de maneira coetánea coa época na que se viu por última vez xuntos a N.A.V. e a J.G.S.".

DESAPARECIDA EN XANEIRO DE 2020

Nerea Añel desapareceu en Ourense a mediados de xaneiro do ano pasado, a súa familia viuna por última vez a noite de Reis. O seu cadáver foi localizado en avanzado estado de descomposición oito meses máis tarde, en setembro do mesmo ano, nunha aldea abandonada do Concello de Barbadás.

A análise do corpo descartou as causas naturais e confirmou a morte violenta da nova, e a investigación centrouse en aclarar as circunstancias do ocorrido.

O home detido, última parella coñecida da nova, participou este luns nunha reconstrución dos feitos e está a ser investigado por un suposto delito de homicidio, e acolleuse ao seu dereito a non declarar ante a autoridade xudicial.

Nerea Añel
Nerea Añel | Fonte: EL

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta