Case 600 camas hospitalarias estarán pechadas este verán, segundo CC.OO.

O sindicato rexeita o peche de camas, polo que reclama que se manteñan operativas todas durante o período estival para paliar as "inxentes" listas de espera existentes en Galicia.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/06/2021 | Actualizada ás 19:25

Comparte esta noticia

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) pechará un total de 588 camas hospitalarias este verán, segundo cifrou este mércores o sindicato CC.OO. A repartición do peche de camas por áreas é o seguinte: 135 en Vigo, 131 na Coruña, 128 en Lugo, 91 en Santiago-Barbanza, 67 en Pontevedra e 36 en Ferrol.

No entanto, ademais hai outras 120 camas que xa permanecen non operativas no Hospital Meixoeiro desde a posta en funcionamento do Álvaro Cunqueiro, segundo o sindicato. Con esta cifra serían 708 camas as non operativas en Galicia durante o período estival.

Así, CC.OO. rexeita o peche de camas, polo que reclama que se manteñan operativas todas durante o período estival para paliar as "inxentes" listas de espera existentes en Galicia.

Sobre este extremo, cifra en case 36.000 persoas a lista de espera estrutural e eleva esa cantidade ata as 60.000 persoas na suma da lista non estrutural. Por iso, demanda reforzar as contratacións en Atención Primaria, posto que esta problemática xa se vivía antes da pandemia, pero agora é "inasumible".

"Necesitamos todas as camas e quirófanos funcionando de mañá e tarde. É o momento de que a Xunta de Galicia mostre o seu compromiso coa saúde pública, reforzando os cadros de persoal coa contratación de máis profesionais para atender a demanda asistencial", afirma o sindicato.

Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. SERGAS - Arquivo
Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. SERGAS - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta