Esixen á Xunta a devolución dos salarios "roubados" ao persoal do Sergas na última década

A CIG mobilízase ante a Consellería de Sanidade contra uns recortes desenvoltos en plena crise pero que, sosteñen, non afectaron ao resto da administración.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/06/2021 | Actualizada ás 21:35

Comparte esta noticia

Nova concentración da CIG para protestar contra a xestión da Consellería de Sanidade. Delegados da Confederación desprazáronse ata a sede da dependencia, no barrio compostelá de San Lázaro, onde desenvolveron unha mobilización na mañá deste xoves 17 para mostrar o seu rexeitamente aos salarios "roubados" ao persoal do Sergas, nas súas propias palabras.

Protesta de sanitarios, enfermeiros e médicas, entre outros, ás portas do hospital de Verín en contra da precarización
Protesta de sanitarios, enfermeiros e médicas, entre outros, ás portas do hospital de Verín en contra da precarización | Fonte: Diario do Támega

A mobilización en cuestión vén dada pola conxelación de salarios de empregados sanitarios que, segundo destacou in situ a secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín, desenvolveu o actual goberno da Xunta. “Unha das primeiras medidas ‘estrela’ que adoptou Feijóo á súa chegada ao goberno, en 2010, foi a de conxelar os salarios dos traballadores/as da sanidade pública galega dos exercicios 2010, 2011 e 2012 do persoal do SERGAS", destacou.

A problemática estribaría en que, de acordo con Abuín, esta decisión, en troques, “non atinxiu ao resto do persoal da administración pública”. A CIG denuncia así o "agravio comparativo" que, ao seu ver, supón esta cuestión; que, segundo a versión do sindicato, “non estaba condicionada aínda pola crise económica”, xa que "foi adoptada antes de que se aprobara a Lei de Medidas de Estabilidade Orzamentaria" pola que se recortaron as condicións laborais e retributivas do persoal dependente das administracións públicas, tanto estatal como galega, e que foi promulgada en 2012".

"AGRAVIO COMPARATIVO"

O obxectivo da mobilización pasa, pois, por reclamar a devolución dos salarios "arrebatados ao persoal do SERGAS desde o ano 2010". A mobilización, engaden dende a plataforma, insírese así na campaña que lanzou en maio o sindicato para denunciar esta situación e demandar un calendario para a recuperación dos "dereitos retributivos".

Esta diferenza tradúcese, segundo Abuín, en que entre o persoal do SERGAS cobre entre 200 e 400 euros menos ao mes que un traballador público de igual nivel. “É dicir, un traballador da administración pública que traballa de luns a venres percibe unha retribución fronte o persoal do SERGAS que ten unha prestación de servizo as 24 horas do día os 365 días do ano entre 200 e 400 euros”. Unha asimetría que, segundo afirmou, queda constatada na orde de confección de nóminas que anualmente publica a Xunta de Galicia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta