Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 17/06/2021 | Actualizada ás 18:33
A Xunta estuda volver empregar a declaración de emerxencia cinexética temporal nalgúns puntos de Galicia como un instrumento temporal e extraordinario para facer fronte aos danos causados polo xabaril.
Esta foi unha das principais conclusións da reunión de seguimento este xoves en Santiago co fin de analizar a eficacia das medidas adoptadas para controlar e minorar o impacto desta especie e estudar tamén novas propostas de actuación.
Durante o encontro, que convocou a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, lembrou que en 2019 a Xunta declarou por primeira vez a emerxencia cinexética en 33 concellos de catro áreas xeográficas de Galicia: Betanzos-Eume, Terra Chá, Viana e Deza.
"A efectividade da medida quedou avalada polos datos xa que o número de avisos nestas comarcas reduciuse nun 29,4% con respecto á tempada de caza precedente", destaca o departamento.
Isto foi o que trasladou aos asistentes á reunión, que eran representantes do Ministerio de Transportes e Axencia Galega de Infraestruturas; DXT, Garda Civil de Tráfico e Seprona; Consellería do Medio Rural; Fegamp; Universidade de Santiago; Federación Galega de Caza; e sindicatos e organizacións agrarias (Unións Agrarias, Asaga e Sindicato Labrego Galego).
Na práctica, esta medida permite abater ou capturar exemplares fose do límite de cota durante o período hábil de caza. Agora, deberá someterse a un estudo previo con base no cal se decidirá a que áreas e municipios afectaría, tendo en conta datos como avisos por danos, accidentes de tráfico, concentración de granxas e outros parámetros.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.