Por E.P. | Santiago de Compostela | 17/06/2021 | Actualizada ás 20:16
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, instou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a presentar o seu plan para evitar que Galicia sexa discriminada na repartición dos fondos 'Next Generation'.
Así o dixo tras coñecerse que a Comisión Europea deu luz verde ao plan do Goberno central para empezar a recibir as contías, cunha primeira partida que ascende a 19.000 millóns de euros para este ano.
Pontón, con motivo dunha visita á comarca de Valdeorras, censurou que Feijóo aínda non remitiu ao Parlamento o plan do Goberno galego coas prioridades, proxectos e investimentos de Galicia, máis aló de "unha sucesión de anuncios e cifras".
"O que temos é escurantismo e falta de estratexia que lle poden facer perder a este país unha oportunidade e temos a un Feijóo que en lugar de pensar no interese xeral parece mais implicado en ser útil a un par de grandes empresas", denunciou.
Por iso, advertiu que "non se pode actuar desde a irresponsabilidade" nun tema "tan importante" e carecer dunha estratexia que favoreza que os fondos "cheguen e axuden a levantarse da crise".
"Non vale con quedar na publicidade e na propaganda", argumentou, para trasladar a súa preocupación "pola centralización dos fondos" e polo seu condicionamento "a novos recortes de dereitos dos traballadores".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.