A Xunta, que pedira acelerar a retirada das máscaras, critica agora a Sánchez por anunciar a fin do seu en exteriores

Alfonso Rueda pide a elaboración dun protocolo de desescalada e acusa o presidente do Goberno central de facer anuncios "puramente políticos".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 19/06/2021 | Actualizada ás 17:55

Comparte esta noticia

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, insistiu en esixir ao Goberno central a elaboración dun protocolo de desescalada para as máscaras e censurou que o presidente do Executivo, Pedro Sánchez, só apareza "cando hai que dar boas novas" e converta o que deberían ser anuncios sanitarios "en puramente políticos".

Un home e unha muller maiores, sentados nun banco e con máscara contra a covid-19, nun parque
Un home e unha muller maiores, sentados nun banco e con máscara contra a covid-19, nun parque | Fonte: Eduardo Parra - Europa Press.

Paradoxalmente, a propia Xunta e o seu presidente, Alberto Núñez Feijóo, viñan facendo chamamentos ao Goberno central para que acelerase a retirada das máscaras en exteriores.

Malia agradecer que se expoña o fin da máscara en exteriores, Rueda insistiu en que Galicia quere tomar esta medida como fai "sempre", é dicir, con "datos obxectivos e criterios sanitarios".

Rueda lembrou que a Xunta pediu sempre "un protocolo de desescalada" que o Goberno central "non acaba de facer" e criticou que, pola contra, só faga "anuncios, inesperadamente, e sen argumentos".

Rueda considerou que unha medida "hai que levantala" cando non é necesario mantela máis do razoable e sinalou que Galicia conta "con diferentes contornas", polo que existe a posibilidade de dar "pasos antes" naqueles lugares con "máis dispersión" e "menos acumulación de xente", como é o caso das zonas rurais.

Tamén se referiu ás probas piloto das verbenas, que se celebran este sábado, para destacar o traballo conxunto entre a Xunta, o sector e os municipios e con medidas "moi preparadas" e acordadas nos novos protocolos para este tipo de eventos.

"O verán non é o mesmo sen verbenas", considerou Rueda, ao tratarse dun dos sinais "de identidade" da sociedade galega e que todos están "a desexar volver celebrar", para así "recuperar aos poucos a vida normal".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

As probas piloto das verbenas igual acaban sendo coma o TerraCeo de Caballero e Carmela en Vigo ! A ver se as festas agora van ser só para os VIP que podan pagar a entrada ? Esto da pandemia préstase a moitas interpretacións !