Centos de persoas esixen a devolución de todos os bens do interior do Pazo de Meirás

A protesta, co apoio de BNG e Podemos, reivindica tamén que os usos do inmoble recollan a memoria dos represaliados do franquismo.

Por Europa Press / Redacción | Sada | 19/06/2021 | Actualizada ás 19:14

Comparte esta noticia

Centos de persoas participaron este sábado nunha marcha por Sada, na contorna do Pazo de Meirás, non só para reivindicar a memoria dos represaliados polo franquismo neste inmoble, senón tamén para que a súa devolución ao patrimonio público inclúa todos os bens do seu interior e non implique indemnizar á familia do ditador.

Decenas de persoas con pancartas, participan nunha marcha cívica polas inmediacións do Pazo de Meirás, a 19 de xuño de 2021, en Sada, A Coruña
Decenas de persoas con pancartas, participan nunha marcha cívica polas inmediacións do Pazo de Meirás, a 19 de xuño de 2021, en Sada, A Coruña | Fonte: M. Dylan - Europa Press.

Este acto, convocado ás 12,00 polas plataformas Defende Meirás e Iniciativa Galega pola Memoria e apoiado por unhas 68 entidades, entre elas os partidos BNG e Podemos Galicia, transcorreu nun ambiente reivindicativo e festivo, con música a cargo do grupo Tanxugueiras e unha actuación dos actores Isabel Risco e Fernando Morán, que ofreceron unha parodia da familia Franco.

Durante a celebración, o portavoz de Defende Meirás, Carlos Babío, leu un manifesto no que saudou que agora o pazo sexa patrimonio estatal --tras dúas sentenzas dun xulgado da Coruña e da Audiencia Provincial--, aínda que lamentou que "o que non cambiou é o lado do muro" no que se ten que manifestar a sociedade civil. "Seguimos sen poder entrar no Pazo de Meirás. O Estado español non o permitiu. Nunha democracia normal, hoxe as portas de Meirás estarían abertas", criticou.

E é que o escenario deste acto, que levou por lema 'O Pazo para ou pobo e a memoria', estaba pensado para ser instalado nos xardíns do inmoble, pero finalmente tívose que instalar na chaira que hai fronte ao portal principal. Alí despregouse unha pancarta cunha lista de case 600 persoas asasinadas polo franquismo a partir de 1936.

"Por aquelas e aqueles que viron as súas casas e terras furtadas para maior gloria do ditador e do seu réxime. Por aqueles e aquelas que, en tempos de miseria, tiveron que dar o que non tiñan para obsequiar a quen lles negaba a liberdade. Por aquelas e aqueles que padeceron persecución por ser veciñas e veciños do ditador. (...) Por todas e todos, reivindicamos un Pazo de Meirás en posesión do pobo", enumerou Manuel Pérez Lorenzo, outro dos portavoces de Iniciativa Galega pola Memoria, ao facer lectura do manifesto.

Neste contexto, Babío insistiu en reivindicar que Meirás sirva "para honrar a memoria das vítimas" da ditadura sen menoscabo "doutras funcións e valores" que atesoura o conxunto da leira. Ao seu xuízo, o pazo debe ser no futuro "un espazo referente de memoria democrática".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta