Galicia baixa dos 1.300 casos activos de covid-19

O Sergas detecta 75 novos contaxios no último día, 43 de todos eles na área sanitaria da Coruña-Cee.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 20/06/2021 | Actualizada ás 11:15

Comparte esta noticia

Os casos activos de covid-19 en Galicia superaron á baixa a barreira dos 1.300, ao situarse concretamente en 1.270, nunha xornada na que se detectaron 75 novos contaxios, ao redor dunha quincena menos que o día anterior. Iso si, continúa sendo tímido o descenso da presión hospitalaria, cun total de 60 persoas con coronavirus ingresadas --unha menos que 24 horas atrás--.

Test de Covid realizado nunha farmacia da provincia de Ourense
Test de Covid realizado nunha farmacia da provincia de Ourense | Fonte: Rosa Veiga - Europa Press.

En concreto, segundo os datos publicados na mañá deste domingo pola Consellería de Sanidade con rexistros ata as 18,00 horas deste sábado, os hospitais galegos contabilizan 45 enfermos de covid en planta --os mesmos que hai un día--, mentres que os outros 15 --un menos-- están en unidades de coidados intensivos.

Por áreas sanitarias, tan só variou a cifra global de ingresados en Lugo-A Mariña-Monforte, en Pontevedra-O Salnés e en Santiago-Barbanza. A lucense foi a única na que se sumou unha persoa máis en unidades convencionais, ata catro, mentres que na UCI mantense un paciente.

Pola contra, na área pontevedresa baixou nun a cifra de ingresados, ao contabilizar sete hospitalizados en planta e un en críticos; igual que na santiaguesa, onde os pacientes en unidades convencionais baixaron a tres (-1) e na UCI mantense unha persoa con covid.

En canto ao resto de áreas sanitarias, non rexistraron variacións na cifra total de hospitalizados por coronavirus. A da Coruña-Cee continúa con 15 en planta e sete en críticos; e a de Vigo, con oito e dous, respectivamente.

Á súa vez, a área de Ferrol segue con oito pacientes ingresados, seis en planta (+1) e dúas na UCI (-1), mentres que a de Ourense-Verín-O Barco continúa con tres en unidades convencionais e un en coidados intensivos.

MENOS CASOS ACTIVOS

En canto aos casos activos da covid-19, os datos deste domingo consolidan xa tres días consecutivos á baixa e sitúanse nos 1.270 tras caer en 32 nun día. Deste xeito, mantéñense en niveis da primeira metade de agosto do pasado ano.

Por áreas sanitarias, os pacientes de coronavirus tan só subiron na da Coruña-Cee ao rexistrar máis diagnósticos que altas. Así, este distrito contabiliza 434 pacientes de covid, 23 máis que hai un día.

Mentres tanto, a área de Ferrol mantense con 101 casos activos, os mesmos que 24 horas atrás, e o resto de Galicia rexistrou descensos.

A área de Vigo conta con 211 pacientes covid (-24); a de Lugo-A Mariña-Monforte, 154 (-10); a de Ourense-Verín-O Barco, 142 (-8); a de Pontevedra-O Salnés, 118 (-2); e Santiago-Barbanza, que está a piques de converterse na área con menos casos activos, con 110 (-11).

BAIXAN OS CONTAXIOS

Así mesmo, os novos contaxios de covid-19 detectados por todo tipo de probas en Galicia caeron ata os 75 en 24 horas --19 menos--, polo que se manteñen por baixo do centenar.

De todas as nova infeccións rexistradas, máis da metade (43) sitúanse na área da Coruña-Cee, mentres que o resto apenas notifican contaxios: Pontevedra nove, Lugo sete, Ourense seis, Vigo outro seis, Santiago tres e Ferrol só un.

Así, os contaxiados desde o inicio da pandemia ascenden en Galicia a 128.474, dos cales 30.889 corresponden á área da Coruña-Cee; 25.303, á de Vigo; 20.132, á de Santiago-Barbanza; 15.909, á de Ourense-Verín-O Barco; 14.421, á de Pontevedra-O Salnés; 13.092, á de Lugo-A Mariña-Monforte; e á cola segue a de Ferrol, con 8.728.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta