Atacan a exposición do Día Mundial das Persoas Refuxiadas na Alameda de Santiago

O Concello condena os feitos e avanza unha declaración institucional en "solidariedade" coas persoas migrantes.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 20/06/2021 | Actualizada ás 14:29

Comparte esta noticia

A exposición do Día Mundial das Persoas Refuxiadas instalada no parque da Alameda de Santiago de Compostela e organizada pola Concellería de Políticas Sociais, a través da Unidade de Atención ás Migracións (UAMI), sufriu un acto vandálico este fin de semana.

Danos na exposición dedicada ás persoas migrantes e refuxiadas, na Alameda de Santiago de Compostela
Danos na exposición dedicada ás persoas migrantes e refuxiadas, na Alameda de Santiago de Compostela | Fonte: Concello de Santiago.

Os paneis, nos que se recolle o nome das 40.555 persoas migrantes falecidas ata o 11 de xuño de 2020, apareceron esnaquizados e con evidentes mostras de ser golpeados.

O sábado comunicouse o ataque a tres destes paneis e durante a mañá do domingo notificouse un novo incidente noutros catro. Os servizos municipais xa ordenaron a retirada dos restos potencialmente perigosos para os viandantes.

A concelleira de Políticas Sociais, Mila Castro, expresou a súa condena e a de todo o Concello ao acto de vandalismo, e declarou que o goberno local levará o tema á xunta de portavoces deste luns como unha "declaración institucional", co obxectivo de que sexa aprobada na sesión plenaria do mes de xuño.

"O Concello considera que ante este tipo de delitos de odio non se pode permanecer impasible, que cuestionan a vida e os dereitos das persoas migrantes", afirmou Castro.

Pola súa banda, a Rede Galega en Apoio ás Persoas Refuxiadas, entidade colaboradora na exposición, sumouse á condena do Concello e considera que este ataque "é unha mostra máis da efectividade das campañas de odio articuladas con mentiras e desinformación". A asociación lembrou que as persoas migrantes "vense obrigadas a fuxir dos seus fogares por motivos que ampara a lexislación internacional".

A exposición forma parte das actividades promovidas polo Concello de Santiago en apoio ás persoas migrantes e refuxiadas. O goberno local lembrou o seu compromiso co "desenvolvemento de políticas a favor do apoio e soporte aos inmigrantes e refuxiados que residen en Santiago", así como con "promover a súa integración e benestar" a través da UAMI.

Ademais, a Rede Galega en Apoio ás Persoas Refuxiadas pediu aos habitantes de Compostela que mostren a súa condena ao ataque e acudan á inauguración da exposición que terá lugar o 24 de xuño, unha vez os paneis esnaquizados sexan reparados.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta