Bugallo ve intencionalidade ideolóxica na desfeita da exposición sobre refuxiados e inmigrantes

Polas características do incidente, o alcalde sinala que ""non parece froito de vandalismo" ou de "unha acción circunstancial de alguén que saíu de festa".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/06/2021 | Actualizada ás 13:49

Comparte esta noticia

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, considera que existen razóns ideolóxicas detrás do ataque a unha exposición sobre inmigrantes instalada no parque da Alameda, onde foron esnaquizados catro paneis que recollían os nomes de 45.000 persoas que perderon a vida tentando chegar a Europa.

Nunha rolda de prensa celebrada este luns, o rexedor compostelán confirmou que se está investigando o incidente para tentar identificar os responsables dun ataque que, segundo Bugallo, "non parece froito de vandalismo" ou de "unha acción circunstancial de alguén que saíu de festa".

Neste sentido, o alcalde cre que o feito de que só se esnaquizasen os catro módulos que recollían os nomes das vítimas e non o resto de paneis da mostra organizada pola Unidade de Atención ás Migracións (UAMI) nin na exposición sobre Protección Civil (ambas comparten espazo na Alameda) revela que os individuos que realizaron este acto vandálico eran "conscientes" do que facían.

"É un asunto que nos debe facer enfadar a todos", aseverou Bugallo, que tachou de "vergoñoso" e "miserable" un ataque que espera que "sirva para reforzar a consciencia" sobre as consecuencias da xenofobia "e o desprezo aos demais".

"Se hai algún sitio no que é miserable facer isto é Galicia, onde cada ano 7.000 mozos galegos aínda teñen que emigrar", engadiu o rexedor, que recoñeceu que o proceso de investigación presenta dificultades por producirse nunha noite "escura" e "chuviosa".

Así as cousas, o goberno local, que quere promover unha declaración institucional en pleno para condenar o incidente, traballa na reparación dos módulos para inaugurar a exposición este xoves e baralla a posibilidade de incorporar un servizo de vixilancia.

Danos na exposición dedicada ás persoas migrantes e refuxiadas, na Alameda de Santiago de Compostela / Concello de Santiago. / Europa Press
Danos na exposición dedicada ás persoas migrantes e refuxiadas, na Alameda de Santiago de Compostela / Concello de Santiago. / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta