Jácome pon condicións á volta do PP ao Goberno local que os populares din que "son asumibles"

PSdeG e Bloque din que se trata "dunha chamada desesperada".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/06/2021 | Actualizada ás 14:13

Comparte esta noticia

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jacome (Democracia Ourensá), solicitou por carta o regreso do Partido Popular ao goberno da cidade. O rexedor municipal de Ourense sostén desde hai semanas que "hai conversacións de alto nivel" co Partido Popular para o regreso do grupo ao executivo municipal. "Desde Casado cara abaixo, todo", chegara a apuntar.

Agora, puxo por escrito as súas condicións para que se formalice a volta, e fíxoo mediante unha carta que difundiu o propio gabinete de comunicación do Concello de Ourense. Na misiva, Jácome esixe o apoio da Xunta de Galicia para varios dos seus proxectos, en concreto asegura que "pivota sobre cinco puntos vitais" para a cidade: a transferencia ao Concello das vías públicas de titularidade autonómica "en perfecto estado tras as previas e inmediatas reparacións", a creación dun plan de choque para a rehabilitación da zona vella, a realización dunha cidade administrativa que "albergue o novo edificio da Xunta de Galicia en Ourense".

Os outros dous proxectos son o Centro de Intelixencia Artificial --pide que a Xunta o promocione-- e a súa promesa do parque acuático termal, sobre o cal esixe a súa construción na contorna do Campo da Feira, "con inmediata licitación de proxecto e, a posteriori, a aplicación da lei autonómica para a reclasificación concreta dese chan".

NOVO PACTO CON COMPROMISO DA XUNTA

Así, o alcalde apunta na carta que espera que eses compromisos que demanda "sexan asumibles". Deste xeito, subliña que "segue aberta a posibilidade de que vostedes (o PP) se integren ao grupo de goberno", de maneira que o mellor momento para o seu regreso é este, no ecuador do mandato.

"Entendemos que debería acordarse un novo pacto de goberno que definan as competencias diarias a desempeñar polos concelleiros do PP, así como o compromiso firme da Xunta de Galicia da execución de actuacións actualmente desatendidas", expuxo Jácome.

RESPOSTA DO PP

O Partido Popular respondeu á misiva do alcalde afirmando que "se a súa proposta é sincera" e "hai un verdadeiro compromiso" con aquelas liñas de actuación que consideran "básicas", están dispostos a manter un encontro "no que avanzar nun modelo de colaboración cuxos principais beneficiados sexan os cidadáns de Ourense".

BNG E PSOE CRITICAN A "DESESPERACIÓN"

Pola súa banda, o portavoz municipal do BNG, Luís Seara, censurou que a carta de Jácome "só revela a desesperación e a incapacidade para gobernar". "Estamos diante dunha chamada desesperada a un PP que é o verdadeiro responsable desta situación e ao que esiximos que se decida canto antes no que vai facer. Xa está ben de xogar con Ourense", sentenciou Seara.

O portavoz municipal do PSOE, Rafa Villarino, concordou cos nacionalistas en que se trata de "unha chamada desesperada" por parte de dous grupos "movidos polos seus intereses". "No caso de Jácome, en conservar a alcaldía e manterse no Goberno", mentres "no caso do PP é un interese monetario dos seus propios petos".

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, somete o seu cargo de cuestión de confianza.. Rosa Veiga - Europa Press
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, somete o seu cargo de cuestión de confianza.. Rosa Veiga - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta