O PSdeG promete "man tendida" ao PP para reactivar a economía fronte a unha Xunta "ausente"

Caballero terá "altura de miras" se Feijóo quere pactar un encontro neste sentido, aínda que cre que a vontade de diálogo do PP "non se está dando"

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/06/2021 | Actualizada ás 14:21

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, prometeu "man tendida" ao PP para alcanzar acordos na comisión de reactivación do Parlamento de Galicia, que esta semana arrinca a fase de relatorio para elaborar o ditame final que se votará a mediados de xullo en pleno. E é que, ao seu xuízo, a Xunta "non fixo os deberes" coa recuperación económica.

Nunha rolda de prensa concedida este luns na Cámara, o líder dos socialistas galegos sinalou que xa pasa "medio ano de 2021" e que o Goberno autonómico "nin está nin se lle espera para liderar a reactivación económica". Non en balde, lembrou que a Xunta recibiu o pasado ano máis de 700 millóns de euros, xunto a outros 1.100 millóns extraordinarios no presente exercicio e outros 234 millóns "que aínda non repartiu" en axudas directas para os autónomos e as pemes.

Á parte destas contías, hai unha partida de case 115 millóns de euros nos orzamentos autonómicos do presente ano para destinar a aqueles proxectos que defina o ditame da comisión de reactivación da Cámara. "Témoslle que dicir a Feijóo que non pode seguir tendo centos de millóns de euros nas contas da Xunta se non sabe polos en mans dos galegos máis afectados pola crise", sinalou Caballero.

Ademais, o secretario xeral do PSdeG lamentou que os proxectos presentados aos fondos europeos 'Next Generation' seguen "nunha nebulosa de confusión, sen ningún tipo de transparencia e sen ningún tipo de potencialidade", sumidos nunha "campaña de automárketing e autobombo" por parte da Xunta, a pesar de ter os orzamentos "máis grandes" da súa historia.

"UN PRESIDENTE AUSENTE"

Neste contexto, Gonzalo Caballero criticou que o lecer nocturno segue sen poder abrir "mentres o fan noutras comunidades"; que os dous plans de rescate para a hostalaría con fondos autonómicos "son moito máis escuetos" que o terceiro, que conta con diñeiro do Estado; que a industria "sabe que a Xunta non fixo ningunha xestión"; que os médicos de Atención Primaria "que non hai ningún compromiso para mellorar" o servizo; e que os concellos viron "recortados" os seus recursos.

Así mesmo, Caballero prometeu "man tendida" para actuar "con responsabilidade" e "altura de miras" no caso de que Feijóo queira pactar "un encontro" coa oposición neste ámbito. "Creo que é positivo buscar vías de diálogo e acordo á hora de priorizar os proxectos máis importantes para Galicia que deban obter fondos 'Next Generation'", engadiu, aínda que lamentou que esa vontade de diálogo "non se está dando" por parte do PP ata o momento.

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, e a nova deputada socialista Noelia Otero.. PSDEG
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, e a nova deputada socialista Noelia Otero.. PSDEG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta