O PPdeG arrinca as negociacións para o ditame da recuperación con "máxima predisposición ao diálogo"

Puy atribúe ao Goberno central a "incerteza" en torno á repartición dos fondos 'Next Generation' tras as críticas de PSdeG e BNG cara á Xunta.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/06/2021 | Actualizada ás 14:59

Comparte esta noticia

O PPdeG arrinca este luns con "máxima predisposición ao diálogo" as negociacións cos grupos da oposición --BNG e PSdeG-- co obxectivo de elaborar o ditame da comisión parlamentaria de estudo sobre a reactivación económica, social e cultural de Galicia. O obxectivo é que o documento final estea listo para a súa aprobación en comisión o vindeiro luns, 29 de xuño, de cara á súa votación final prevista para o último pleno do período de sesións, a mediados de xullo.

O portavoz dos populares na Cámara galega, Pedro Puy, explicou en rolda de prensa que ao longo desta semana se producirán "conversacións e negociacións" para ver como "acordar, se non todas, parte das medidas incluídas no plan de recuperación", ou polo menos que estas liñas "teñan o máis amplo apoio posible".

Nas últimas semanas, PPdeG, BNG e PSdeG foron presentando os seus respectivos borradores do ditame nos que se apreciaba a disparidade de propostas. Ademais, sucedéronse as críticas de nacionalistas e socialistas cara á "opacidade" e a "incapacidade" da Xunta no seu plan de recuperación e nas súas propostas para os fondos 'Next Generation'.

Fronte a iso, Puy lembrou que o mecanismo da comisión de estudo no Parlamento foi o método que apoiaron os grupos por "unanimidade" na Cámara, polo que rexeitou esa falta de vontade de diálogo por parte do PPdeG coa que arremeten BNG e PSdeG.

"NINGÚN CONSENSO" COS FONDOS 'NEXT GENERATION'

Así mesmo, o portavoz popular reprochou ao Goberno central a "incerteza" e a opacidade sobre os proxectos presentados aos fondos europeos 'Next Generation', porque "ata o momento non houbo ningún consenso nin cos partidos nin coas comunidades autónomas, nin se convocou o Consello de Política Fiscal e Financeira".

Por iso, asegurou que a información da que dispón a Xunta sobre o criterio de repartición "é a que dá Bruxelas" e coñécese "polos medios de comunicación". "O que se di da Xunta pódese dicir de calquera outra comunidade autónoma, porque onde está o fallo é na xestión dos fondos por parte do Goberno de España", sentenciou.

PUY, "PRUDENTE" ANTE AS PROPOSTAS DA OPOSICIÓN

Pedro Puy tamén preferiu mostrarse "prudente" nos seus reproches aos borradores propostos pola oposición de face á negociación do ditame da comisión: "Non vou valorar o contido específico dos documentos que se presentaron, porque sería contraproducente se queremos ter un consenso".

No entanto, si advertiu a BNG e PSdeG que "dialogar é buscar puntos en común" e non consiste en que "a maioría" que representa o PPdeG "asuma como propios todos os criterios do Bloque Nacionalista Galego". E é que, ao seu xuízo, o BNG recolle no seu borrador medidas "claramente sen ningunha base real do que está a ocorrer no país" e que de feito "deturpan unha boa saída da crise".

Así as cousas, Puy garantiu que "o nivel de detalle das propostas" do PPdeG --grupo maioritario na Cámara-- é "suficiente como para poder introducir matices" durante a elaboración do ditame, e prometeu valorar as negociacións e a actitude da oposición unha vez conclúan os traballos no relatorio.

O portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy / PPDEG. / Europa Press
O portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy / PPDEG. / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta