Temas: FRASEOLOXíA

“Non ser quen pinta” ou “non ser quen se vende”, equivalentes, entre outras, á castelá “no ser quien aparenta”

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 27/06/2021 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

Para manifestar que unha persoa –mesmo ás veces incluso un animal– non é en realidade aquilo que dá a aparencia de ser de cara á xente ou non presenta as calidades que dá a aparencia de ter, en castelán non é raro escoitar dicir dela que no es quien aparenta.

Portada do libro 'Non fondo dous espellos', que recolle unha compilación de artigos xornalísticos publicados por Xosé Luís Méndez Ferrín. UNIVERSIDADE DE VIGO
Portada do libro 'Non fondo dous espellos', que recolle unha compilación de artigos xornalísticos publicados por Xosé Luís Méndez Ferrín. UNIVERSIDADE DE VIGO

En galego, amais da secuencia que se corresponde ó dereito coa castelá, dispomos tamén doutras, como imos ver deseguido:

(No) Ser quien aparenta (ser)

(No) Ser quien parece (ser)

{= (Non) Ser unha persoa aquilo que dá a aparencia de ser de cara á xente, (non) presentar unha persoa as calidades que dá a aparencia de ter de cara á xente.}

(Non) Ser quen pinta

(Non) Ser quen se vende

[E MAIS]:

(Non) Ser quen parece

(Non) Ser quen aparenta

Ex.: Va de coleguita con todos, pero a mí me da que no es quien aparenta.

Vai de colegueta con todos, pero a min dácheme que non é quen pinta que non é quen se vende que non é quen parece que non é quen aparenta.

Ex.: No te fíes, que ese no es quien parece.

Non te fíes, que ese non é quen pinta non é quen se vende non é quen parece non é quen aparenta.

● Tamén, equivalendo ás expresións en negativo (isto é, a “non ser quen...”), e só en contextos:

Engañar

Enganar

Ex.: Non te fíes, que ese engana.

● Tamén, igualmente equivalendo ás expresións en negativo, e só en contextos en que se dá conta ou se advirte de que alguén que semella inocuo, ou mesmo benigno, é máis perigoso ou falso do que parece, se pode empregar, formando enunciado de seu, a seguinte paremia (véxase, neste sentido, a seguinte entrega, na cal se dá conta das secuencias galegas que virían a fornecer o mesmo contido cá expresión castelá las apariencias engañan):

Ás veces o demo ten cara de coello

Ex.: Non te fíes, que ás veces o demo ten cara de coello.

● Inda incluso, só en contextos, e sobre todo –inda que non só– naqueles en que se dá conta de que alguén aparenta ser máis do que realmente é:

Ser coma a leña da figueira: recia de fume, fraca de madeira

NOTAS:

1. Nótese que varias destas expresións poden ser completadas, ó final delas, coa voz ser, tanto en galego coma en castelán:

(No) Ser quien aparenta ser && (No) Ser quien parece ser

(Non) Ser quen pinta ser && (Non) Ser quen aparenta ser && (Non) Ser quen parece ser

2. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- Ferro Ruibal, Xesús: “Locucións e fórmulas comparativas ou elativas galegas”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 8, 2006, páxs. 179-264. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Groba Bouza, Fernando: “Nas uñas, nas mans ou nos pés has saír a quen es”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 16, 2014, páxs. 357-437. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Martínez [agora, Martíns] Seixo, Ramón Anxo (dir.): Dicionario fraseolóxico galego. Edicións A Nosa Terra, Vigo, 2000.

- Penín Rodríguez, Dorinda: “Frases feitas de San Lourenzo de Abelendo”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 10, 2008, páxs. 255-264. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta