O TSXG confirma a pena de case 13 anos de prisión para un pontevedrés por maltratar e violar á súa muller

O TSXG confirma tamén a condena de oito anos de cárcere a un home como autor dun delito de abuso sexual a unha persoa especialmente vulnerable.

Por Europa Press / Redacción | Compostela | 21/06/2021 | Actualizada ás 17:42

Comparte esta noticia

A Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) ditou sentenza na que rexeita o recurso e ratifica a pena de case 13 anos de prisión a un pontevedrés por maltratar e violar á súa muller, e que foi condenado en primeira instancia pola Audiencia Provincial de Pontevedra.

O acusado presentou recurso tras a sentenza condenatoria alegando, entre outras cuestións, que pretendía a recusación de dúas das maxistradas do tribunal provincial, por asinar durante a instrución un auto no que se desestimou un recurso da acusación.

Con respecto a este argumento, o TSXG apuntou que non hai lugar á recusación, xa que ese procedemento debe exporse con carácter previo á celebración do xuízo. Así mesmo, o alto tribunal galego apuntou que, en todo caso, estas xuízas limitáronse, cando acordaron ese auto, a ratificar unha resolución do xulgado de instrución.

O acusado tamén argumentou no seu recurso que a Audiencia se negou a admitir probas documentais propostas polo seu defensa, como o historial clínico parcial do acusado e da vítima, ou o informe psicóloxico sobre a influencia do alcol no comportamento do procesado.

En resposta a esta alegación, o TSXG sinalou que dita proba non era pertinente nin necesaria, tendo en conta que xa a Audiencia aplicou a circunstancia atenuante de intoxicación etílica. Ademais, engadiu a Sala, "non é admisible que se revictimice á vítima mediante a exposición do seu historial clínico, documento que pertence, por esencia, ao ámbito da intimidade".

Por todo iso, desestimou o recurso e confirmou a condena de 12 anos e 11 meses de prisión, como autor dun delito de malos tratos habituais, un delito de ameazas, un de lesións e un de agresión sexual.

Na sentenza de primeira instancia, os maxistrados consideran probado que o acusado, que estivo casado durante 40 anos coa vítima, dirixíase á súa parella de forma vexatoria e  a maltrataba. Así, subliñou na resolución que tiña un "comportamento agresivo e controlador", que agredía e ameazaba de forma constante á súa muller, á que lle dicía que a ía a matar, e esta situación xerou na muller "un sentimento de medo e temor permanente".

A Sección Sexta da Audiencia Provincial da Coruña acolle un xuízo
A Sección Sexta da Audiencia Provincial da Coruña acolle un xuízo | Fonte: arquivo

ABUSOS SEXUAIS

Por outra banda, a Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a condena de oito anos de cárcere, como autor dun delito de abuso sexual con acceso carnal por vía vaxinal sobre persoa especialmente vulnerable, a unha encargada da limpeza das zonas comúns dun edificio da Coruña.

Segundo informa o TSXG, a Sala, do mesmo xeito que a Audiencia Provincial da Coruña, considera probado que o sospeitoso se aproveitou da "discapacidade intelectual" da vítima, quen estaba incapacitada xudicialmente, para levala ao cuarto da limpeza e violala.

A afectada non lle contou nada á súa nai ata oito semanas despois, cando se empezou a atopar mal e levouna ao hospital, onde lle comunicaron que estaba embarazada.

Ademais, a Audiencia Provincial impúxolle na sentenza, confirmada polo alto tribunal galego, a prohibición de achegarse á vítima e de comunicarse con ela por calquera medio durante 16 anos, así como oito anos de liberdade vixiada.

Os maxistrados subliñan que comparten coa sala de primeira instancia "a existencia de proba de cargo, suficiente e motivada adecuadamente". "Tanto as probas sobre a capacidade da vítima, o testemuño da nai e a propia versión do acusado conducen á conclusión de que as relacións non foron consentidas", indica o TSXG.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta