Estas son as zonas co aire máis contaminado de Galicia

Un de cada tres galegos respirou aire contaminado en 2020, segundo os estándares da OMS.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/06/2021 | Actualizada ás 21:50

Comparte esta noticia

Galicia continúa avanzando na inmunización dos seus grupos diana e vén de superar o millón de vacinados. Un ano e tres meses despois da declaración de pandemia por parte da OMS, albíscase á fin a luz ao final do túnel: unha circunstancia recibida con euforia pero que supoñerá poñer fin a certas pequenas vantaxes que trouxo a pandemia.

Circulación de vehículos entre fume de combustión
Circulación de vehículos entre fume de combustión | Fonte: Europa Press

Entre elas está a mellora da calidade do aire en Galicia, unha circunstancia vencellada á diminución dos desprazamentos en vehículos a motor e á caída de actividade das principais plantas industriais da Comunidade. Cando menos así o conclúen en Ecoloxistas en Acción, que vén de presentar un informe analizando os niveis de contaminación en distintos puntos do Estado a partir de 57 estacións oficiais de medición. 

Para Ecoloxistas en Acción, as cifras de Galicia dan conta dunha “mellora xeral da calidade do aire” que a plataforma ve “sen precedentes”, circunstancia que equipara tamén ao resto do Estado español. Aínda con todo, o informe conclúe que o 29% da poboación galega respirou en 2020 aire prexudicial para a saúde “segundo as recomendacións da Organización Mundial da Saúde (OMS)”.

A CORUÑA, ARTEIXO E VIGO, FOCOS DE CONTAMINACIÓN

De acordo co mesmo estudo, a poboación máis afectada pola contaminación do aire en 2020 concentrouse na Coruña, Arteixo e Vigo, debido aos niveis de partículas e dióxido de xofre (SO2). “Os niveis do canceríxeno benzo(α)pireno (BaP) na Coruña seguen a ser moi preocupantes. A súa orixe principal semella industrial, mais cómpre un estudo específico sobre a súa orixe e medidas para diminuílos”, engaden.

Aínda con todo, 2020 foi un ano de “mellora xeral dos niveis de contaminación” do aire en comparación co período 2012-2019. Ecoloxistas destaca a redución media nun 33% dos niveis de dióxido de nitróxeno (NO2), debido sobre todo ao descenso da mobilidade motorizada urbana e interurbana. “Esta tamén influíu na baixada nun 74% dos niveis de ozono troposférico ou malo, dado que os óxidos de nitróxeno son precursores deste contaminante, que se forma na atmosfera a partir doutros”, destacan.

“Case todos os 800.000 galegas e galegos que respiraron aire nocivo para a saúde en 2020 viven nas áreas metropolitanas da Coruña e Vigo e en Arteixo”, destacan dende a asociación. Ecoloxistas apunta á “refinaría de petróleo de Repsol e outras industrias, así como e os tráficos urbano e portuario, son as causas da mala calidade do aire nestas zonas”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta