A Xunta esixe "unha explicación" ao Ministerio de Transportes pola emenda do PSOE ao traspaso da AP-9

A conselleira Ethel Vázquez lamentou que os socialistas se estean "desdicindo" cando "hai uns meses" falaban da transferencia como "un feito histórico".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/06/2021 | Actualizada ás 14:10

Comparte esta noticia

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanzou que a Xunta se dirixirá ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana para pedirlle "unha aclaración e unha explicación" tras a emenda rexistrada polo PSOE no Congreso para que o traspaso da AP-9 a Galicia non afecte á titularidade, senón á súa xestión.

Preguntada este martes por este cambio exposto polos socialistas, a conselleira lamentou que se estean "desdicindo" con este asunto, xa que "hai uns meses" trasladaban que a transferencia da Autoestrada do Atlántico "era un feito histórico" e que "o Goberno de Pedro Sánchez cumpría con Galicia".

"Agora estamos a ver o contrario: se non hai transferencia como se nos comprometeu, está a incumprirse con Galicia", afeou Vázquez, quen acusou ao Ministerio de tentar "vender gato por lebre". "Era un engano ou nos estaban mentindo", agregou.

Ademais, a titular de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta preguntouse "se as emendas do Partido Socialista serían esas" no caso de que se estivese debatendo un traspaso de titularidade "para País Vasco ou Cataluña".

Ethel Vázquez puxo como exemplo o cambio de titularidade cara a Euskadi da AP-68, a pesar de que parte desta vía transcorre fóra desta comunidade, para seguidamente reivindicar que a AP-9 transita "integramente en Galicia" e os seus tráficos "son inminentemente locais".

E é que, con estas emendas en sentido contrario á lei de transferencia que solicitara o apoio unánime do Parlamento autonómico, o PSOE --continuou a conselleira-- "renuncia a que a autoestrada sexa galega", un feito que permitiría "velar moito mellor pola calidade do servizo, polas condicións, polas autoridades áxiles e tamén por unha maior eficiencia na xestión do servizo".


A conselleira Ethel Vázquez, en rolda de prensa. CONCHI PAZ
A conselleira Ethel Vázquez, en rolda de prensa. CONCHI PAZ | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta