A galega Nasasbiotech desenvolve unha tecnoloxía para mellorar o diagnóstico e seguimento de tumores

É unha 'spin-off' do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) da USC.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 23/06/2021 | Actualizada ás 20:03

Comparte esta noticia

O Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) da USC, a través dunha das súas spin offs, Nasasbiotech, conseguiu comercializar un novo produto desenvolvido dentro dos laboratorios do centro compostelán que permitirá, grazas á biopsia líquida, mellorar o diagnóstico, o prognóstico e o seguimento de calquera tipo de tumor.

Membros de Nasasbiotech
Membros de Nasasbiotech | Fonte: Sergas.

Trátase do kit 'ExoGAG', un método específico e patentado que, de maneira "sinxela, rápida e económica", permite optimizar o proceso de illamento de vesículas extracelulares, ideal para a procura de biomarcadores e para o tratamento da metástase.

Esta nova tecnoloxía desenvolveuse baixo o paraugas da Universidade de Santiago de Compostela (USC), como soporte académico; e do Servizo Galego de Saúde (SERGAS,) que facilita a contorna asistencial do IDIS.

'ExoGAG' ten como propósito solucionar un dos principais desafíos actuais en oncoloxía, o proceso de metástase, proporcionando ferramentas útiles que axuden a resolver as principais necesidades médicas dos oncólogos.

Na actualidade, 'ExoGAG' é un produto de uso exclusivo para investigación, pero a súa perspectiva de futuro é a obtención da marcado CE, que permitirá verificar que o produto cumpre con todos os requisitos para a súa comercialización e o seu uso na práctica clínica habitual.

Este produto é unha aposta firme de IDIS, en colaboración con Nasasbiotech, empresa participada polo SERGAS e a Fundación Barrié, que permitiu a súa consolidación no ámbito biomédico, proporcionando aos pacientes oncolóxicos un significativo avance no diagnóstico a través de técnicas non invasivas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta