(Vídeo) Algo positivo que deixa a pandemia: medran de forma considerable as adopcións de animais

Olalla García Martínez, directora do Refuxio de Bando, confesa que non esperaban alcanzar unhas cifras tan boas logo do confinamento. Chegaron a adoptar a 70 animais cada mes, cando a media roldaba os 40. Os datos son especialmente positivos no verán, pero as cifras mantivéronse altas ata finais de ano.

Por Patricia Otero | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/06/2021 | Actualizada ás 14:10

Comparte esta noticia

A chegada do coronavirus e o posterior confinamento e peche de establecementos para evitar a súa propagacións causou unha forte preocupación nos traballadores do Refuxio de animais de Bando, en Santiago de Compostela. “Cando nos dixeron que tiñamos que pechar foi moi duro porque durante os dous meses que estivemos pechados non podiamos dar adopcións pero pensabamos que ían a seguir chegando cans como de costume”, expón a directora do Refuxio de Bando, Olalla García Martínez. Pero, a situación non se desenvolveu como pensaban e nese tempo a chegada de animais foi moi baixa “foron anecdóticas as entradas, menos de 10 animais”, explica.

Un dos cans que está en adopción no Refuxio de Bando
Un dos cans que está en adopción no Refuxio de Bando

Unha vez que volveron a abrir a chegada de animais volveu as cifras anteriores pero, para a sorpresa dos traballadores da protectora, observaron como as adopcións aumentaban tamén de forma considerable. Normalmente de media neste refuxio adóptanse 40 animais en total pero no pasado verán houbo meses de máis de 70 adopcións. En xuño adoptáronse 28 cans e 43 gatos, en xullo 33 cans e 16 gatos e en agosto 21 cans e 33 gatos.

Durante o resto do ano mantiveron cifras similares e, a pesar de estar pechados durante dous meses, conseguiron aumentar en 60 o número de adopcións en comparación co 2019. Por outra banda, García Martínez tamén destaca que a xente estivo moi pendente do refuxio e que aumentaron as casas de acollidas e as aportacións económicas. “As veces custábanos encontrar casas de acollida e o ano pasado foi algo que nos chamou a atención porque ofreceuse moita xente. Tamén aumentou a xente que colaborou economicamente cando necesitabamos operar algún animal”, comenta.

AUMENTAN AS ADOPCIÓNS, PERO NON DE CANS DE RAZA PERIGOSA

Outro aspecto positivo do aumento das adopcións foi que a xente, a parte de adoptar cachorros de gatos, tamén se animou a adoptar felinos adultos, menos habitual. Porén, no caso dos cans máis grandes e de raza perigosa non acontece o mesmo.

Neste refuxio a maioría dos cans son de tamaño grande e tamén hai un alto porcentaxe deles que son PPP, é dicir, cans de raza potencialmente perigosa. Aínda que os cans de tamaño pequeno e mediano adoitan saír bastante rápido do refuxio, non pasa o mesmo nestes casos. “Con eles temos un problema e é que custa moito máis encontrarlle casa. A xente non se quere complicar con tema de licenzas ou bozos”, explica García Martínez.

Expón que en todo o ano como moito adóptanse 5 cans de raza perigosa e que na actualidade teñen moitos. Isto causa problemas de espazo porque en vez de estar catro ou cinco cans nunha canceira só pode haber un ou dous, xa que son razas que non se levan ben con outros cans.

PREOCUPACIÓN POLO XACOBEO

Neste refuxio as cifras de animais que chegan cada ano mantéñense bastante similares todos os anos. Aínda que hai épocas do ano nos que pode haber maior afluencia -como o incremento de gatos no verán pola chegada de novas camadas- ao final do ano uns meses compensan outros e as cifras son similares. Porén hai unha excepción que son os Anos Santos.

O Refuxio de Bando encóntrase no tramo final do Camiño de Santiago e é un punto no que moitos peregrinos deixan os animais que se van encontrado mentres fan a peregrinación. “É o temor que temos sempre que é Ano Santo porque moitos peregrinos que van encontrando cans ao longo do camiño acóllenos e cando chegan ao final do camiño non saben que facer co animal e acaba nas instalacións”, destaca García Martínez.

De todas formas, a pesar de que espera que durante os próximos anos, ao igual que pasou cos cans, diminúan a gran cantidade de camadas de gatos que seguen entrando agora pensa que, quintando a excepción do Ano Santo, as cifras de entradas van seguir sendo similares as da actualidade.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta