A Deputación de Pontevedra destinará 1,8 millóns de euros ao Plan Concellos para obras en oito municipios

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, tamén avanzou que se aprobarán axudas por 150.000 euros para os festivais musicais e de artes escénicas.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/06/2021 | Actualizada ás 14:05

Comparte esta noticia

A Deputación de Pontevedra destinará 1,8 millóns de euros do Plan Concellos para obras nos municipios de Cangas, Cuntis, Mos, Pazos de Borbén, Ponteareas, Salceda de Caselas, Sanxenxo, Vilaboa e Tui.

En concreto, destaca a actuación en Tui, un municipio que recibe máis de 500.000 euros para reformar a rúa Colón, unha das súas vías principais.

En rolda de prensa, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, adiantou este xoves os asuntos que van ser aprobados na Xunta de Goberno provincial que se celebrará este venres.

Ademais, Carmela Silva tamén avanzou que se aprobarán axudas por 150.000 euros para os festivais musicais e de artes escénicas.

DEPO EMPRENDE

Por outra banda, a presidenta da Deputación de Pontevedra referiuse ao programa DepoEmprende. Trátase dunha iniciativa que forma parte dun convenio de colaboración, subscrito pola Administración provincial coa Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, que ten como fin o fomento de iniciativas e actividades emprendedoras nos centros educativos.

É unha ferramenta de apoio para os centros educativos que, a través da metodoloxía por proxectos, pretende espertar o interese e a curiosidade do alumnado sobre a súa propia aprendizaxe, aumentar o seu desenvolvemento activo e promover relacións cooperativas e participativas como medio para mellorar o clima de convivencia nos centros.

Terminada a edición deste ano, Carmela Silva anuncia que "se inicia xa unha nova edición" na que o alumnado crea as súas propias cooperativas e na que "poderán participar 12 centros en Primaria e 10 na ESO e na FP".

AVIVENTA O DEPORTE

Finalmente, Carmela Silva deu conta das axudas que destina a Deputación de Pontevedra a deportistas de alto nivel dentro do programa coñecido como Aviventa o Deporte que aposta por unha "marca propia" para os deportistas de alto nivel e as promesas coa aprobación das bases das bolsas, dotadas de 250.000 euros.

E tamén se destinan 75.000 euros para os Depo Olímpicos, pois segundo detallou a presidenta, na provincia hai "12 clasificadas para os Xogos Olímpicos de Tokio e 5 para os Paralímpicos".

Carmela Silva en rolda de prensa. DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA
Carmela Silva en rolda de prensa. DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta