Por Europa Press / Redacción | Ourense | 24/06/2021 | Actualizada ás 16:57
O Partido Popular regresa ao goberno local de Ourense, segundo informou na tarde deste xoves o propio Concello nun comunicado. Deste xeito, Democracia Ourensá --formación que lidera o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome-- chegou ao acordo co grupo municipal do PP para que os concelleiros populares se integren e asuman a dirección de varias áreas no Concello de Ourense.
As concellarías cuxa responsabilidade asumen os populares son: deportes, facenda, medio ambiente, servizos sociais, comercio-termalismo-turismo, igualdade-saúde, mocidade-voluntariado e urbanismo.
Ademais, a Xunta de Goberno Local estará formada por tres concelleiros de Democracia Ourensá e tres do Partido Popular. Democracia Ourensá deixara a porta aberta á renovación da colaboración desde o mes de setembro. Así, comprometeuse a "considerar" as demandas efectuadas polo PP, quen de forma recíproca garantiron considerar os puntos de Democracia Ourensá.
XUSTIFICACIÓN DO PP
Os populares xustificaron o regreso ao goberno baseándose no que consideran unha "premisa fundamental", "ser útiles a Ourense e mellorar a calidade de vida dos ourensáns". Aseguran que o obxectivo é desbloquear unha situación que "xa non pode durar máis", pois afirma que un goberno de 10 membros ten máis posibilidades de logralo que un goberno de 3 persoas.
"Esta foi unha negociación fundamentada sobre como podemos servir aos ourensáns e cales son as prioridades que debemos atallar canto antes", subliña o Partido Popular, que sentencia que esa prioridade é "dotar á cidade dun goberno que traballe por ela".
CRÍTICAS
Pola súa banda, o BNG municipal criticou o anuncio da reincorporación, que considera "crónica dunha volta anunciada" que "non supón ningunha sorpresa". Para o portavoz do BNG, Luís Seara, o Partido Popular "nunca exerceu de oposición" senón que "se dedicou a manter o Concello sumido no caos e na parálise". Ademais, acúsao de "non pensar nos veciños de Ourense, senón nos seus propios intereses partidistas".
Pola súa banda, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, tachou este xoves a alianza entre Partido Popular e Democracia Ourensá como "unha falta de respecto aos ourensáns".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.