Ana Pontón ve "inhumano" que o PP recorra a lei de eutanasia

A portavoz nacionalista pide a Feijóo que aclare se vai "frear" a normativa en Galicia.

Por E.P. | VIGO | 25/06/2021 | Actualizada ás 13:28

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, cualificou como "inhumano" o recurso do PP contra a lei de eutanasia (impugna algunhas partes do texto), e reclamou ao presidente da Xunta e líder dos 'populares' galegos, Alberto Núñez Feijóo, que aclare se vai "frear" o desenvolvemento da normativa en Galicia.

Así o manifestou, en declaracións aos medios, tras participar nunha reunión con delegados sindicais de industria en Vigo, e subliñou que esa norma, que entra en vigor este venres, supón dar ás persoas o dereito a ter "unha morte digna", algo polo que xa "loitou" hai 20 anos o galego Ramón Sampedro.

Pontón lembrou que o PP "xa se opuxo" ás leis de divorcio, do aborto e do matrimonio homosexual, "e agora tamén ao dereito a unha morte digna". "Parece que o PP de Feijóo non asume que hai que avanzar en dereitos e liberdades", criticou.

Neste contexto e tras coñecerse o recurso do PP ante o Tribunal Constitucional, a líder nacionalista sinalou que "é lóxico preguntarlle a Feijóo se vai frear o desenvolvemento desta lei en Galicia, se vai frear o dereito a unha morte digna", ou se permitirá "sentar as bases para que esta lei se poida desenvolver con normalidade".

A portavoz do BNG incidiu en que "hai 20 anos Ramón Sampedro abriu un debate e unha batalla por esa dignidade" e é "lamentable" que Feijóo "se poña ao lado dos que queren restrinxir dereitos e liberdades".

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón | Fonte: BNG.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta