Un biomaterial para rexeneración ósea, unha vacina para acuicultura, e un sistema contra a fraude, premios da RAGC

O presidente da Real Academia Galega de Ciencias, Juan Lema Rodicio, recibe en Milán a máxima distinción das universidades italianas.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 25/06/2021 | Actualizada ás 20:28

Comparte esta noticia

A Real Academia Galeca de Ciencias (RAGC) deu a coñecer este venres a resolución da sétima edición dos Premios á Transferencia de Tecnoloxía, convocados en colaboración da Axencia Galega de Innovación (GAIN) da Xunta. En concreto, das 32 propostas presentadas, alzáronse co galardón unha vacina para a acuicultura mariña, un biomaterial para rexeneración ósea e un sistema de recoñecemento facial contra as fraudes.

Equipos galardoados pola RAGC cos premios 'Francisco Guitián Ojea' (arriba á esquerda), 'Fernando Calvet Prats' (dereita) e Ricardo Bescansa Martínez (abaixo)
Equipos galardoados pola RAGC cos premios 'Francisco Guitián Ojea' (arriba á esquerda), 'Fernando Calvet Prats' (dereita) e Ricardo Bescansa Martínez (abaixo) | Fonte: Real Academia Galega de Ciencias.

O premio 'Fernando Calvet Prats' levouno o proxecto 'Biofast', un material que rexenera ósos creado polo grupo de investigación 'Novos Materiais' do Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais (Cintecx) da Universidade de Vigo (UVigo). Está conformado polos investigadores Pío Manuel González Fernández, Julia Serra Rodríguez e Stefano Chiussi.

Este traballo consistiu en desenvolver un proceso de fabricación de biocerámicas a partir de dentes de quenlla, coa finalidade de empregalas como enxerto óseo en odontoloxía e traumatoloxía. Segundo informa a organización do premio, é o primeiro produto con estas características que ten orixe mariña. A iniciativa chegou ao mercado co financiamento de GAIN, que lles levou a asinar un contrato coa empresa Ziacom Medical.

En canto ao premio 'Francisco Guitián Ojea', levouno unha tecnoloxía --aínda non foi transferida-- capaz de desenvolver unha nova vacina contra a enfermidade coñecida como fotobateriose, unha infección bacteriana que ten unha gran incidencia na acuicultura de peixes.

O novo fármaco --do tipo das vacinas de subunidades-- baséase en empregar unha proteína que forma parte do envoltorio da bacteria que provoca a enfermidade e que, unha vez purificada, inxéctase nos peixes para producir anticorpos e inmunizarlos fronte a este patógeno.

O traballo foi realizado por sete investigadores das universidades de Santiago e A Coruña: Manuel Luís Lemos Ramos, Carlos Jiménez González, Miguel Balado Dacosta, Katherine Valderrama Pereira, Antón Vila Sanjurjo, Diego Rey Varela e Jaime Rodríguez González.

Por último, o premio 'Ricardo Bescansa Martínez' recaeu en Alice Biometrics S.L., unha empresa fundada en xuño de 2019 a partir do centro tecnolóxico Gradiant, con sede en Vigo, para explotar comercialmente un sistema de verificación facial de identidade rápida e segura que evita fraudes por suplantación de identidade. Tamén contou co apoio de GAIN.

Esta transferencia tecnolóxica permitiu a Alice Biometrics lanzar un produto comercial en catro meses, pechar os primeiros clientes en 2019 e conseguir unha facturación acumulada de máis dun millón de euros por parte de 35 compradores en menos de 16 meses.

RECOÑECEMENTO EN ITALIA DO PRESIDENTE DA RAGC

Por outra banda, a Real Academia Galega de Ciencias informou de que o seu presidente e catedrático emérito do Departamento de Enxeñaría Química da USC, Juan Lema Rodicio (Santiago de Compostela, 1949), acaba de ser recoñecido pola Universidade Politécnica de Milán coa máxima distinción académica de Italia.

Trátase da 'Laurea Magistralis ad Honorem', un recoñecemento "moi selectivo", tal e como o destaca a RAGC--, xa que no que vai de século recibírona menos de 25 persoas, entre elas os arquitectos Álvaro Siza e Nicholas Grimshaw, os deseñadores Sergio Pininfarina e Giornio Armani, e os profesores Paul Crutzen (Premio Nobel de Química) e Dan Frangopol.

Na súa lección maxistral, o profesor Lema Rodicio abordou a 'Enxeñaría ambiental comprometida cun mundo mellor', durante a cal desenvolveu a conciencia ambiental da sociedade desde comezos do século XX, para posteriormente analizar como estes movementos tiveron un impacto real na cidadanía e como a enxeñaría ambiental foi adaptando as súas prioridades e procedementos. Finalmente, transmitiu unha mensaxe optimista sobre a evolución da sociedade e a saúde do planeta.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta