Caballero insta á Xunta a aceptar as propostas da oposición na comisión de reactivación

Censura que Feijóo queira "camiñar en solitario" para impulsar Galicia.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/06/2021 | Actualizada ás 12:29

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, instou ao Partido Popular de Galicia a "ser permeable" e aceptar as propostas da oposición na comisión posta en marcha no Parlamento de Galicia para abordar a reactivación, un órgano que se reunirá este martes para encarar a elaboración do ditame.

"A actitude de Feijóo de ser un solitario, que non sabe que facer pero que segue soamente rodeado dos conservadores e do PP, sen ter a capacidade de impulsar unha auténtica política económica para a reactivación é deixar aos sectores económicos máis afectados orfos e aos galegos abandonados, cando hai posibilidades para apoialos desde a Xunta", asegurou.

Nunha rolda de prensa ofrecida este luns na Cámara galega, o xefe de filas dos socialistas galegos considerou que os populares queren "camiñar en solitario" neste órgano "abandonado as necesidades dos galegos" e sen ser capaces de "activar unha política de reactivación suficiente para impulsar Galicia".

"Transcorreron seis meses deste ano 2021 sen que a Xunta exercese as súas competencias, as súas posibilidades orzamentarias para impulsar a reactivación e xerar emprego en Galicia", sostivo o socialista, que asegura que "o primeiros seis meses de 2021" supoñen "un suspenso" da xestión do Goberno galego. "Non podemos perder seis meses máis", afirmou.

Neste sentido, apuntou que a acción da Xunta foi "a dos brazos caídos" ao "non actuar en seis meses, abandonar a economía e á sociedade durante o peor da pandemia". "Pasou a terceira onda, que foi de enorme envergadura en Galicia e o Goberno galego non despregou as súas capacidades orzamentarias", incidiu Gonzalo Caballero, que asegurou que "suspendeu Feijóo e suspendeu o Goberno da Xunta" ao "esquecerse dos galegos".

PROPOSTAS DO PSDEG

Ante iso, asegurou que a súa formación presentou na comisión de reactivación máis de 300 propostas entre as que figuran medidas como a convocatoria de 5.000 novas prazas no Sergas, apostar por un novo modelo residencial no que se poidan xerar 2.000 novas prazas, un novo modelo produtivo no que un 1,5% do PIB se destine á ciencia e a investigación, incrementar as partidas do gasto en cultura ata o 1%, así como aumentar os fondos que aos concellos e as partidas destinadas ao servizo de axuda no fogar.

Tamén incidiu na necesidade dun plan de emprego xuvenil dotado con 10 millóns de euros que permita chegar a 3.000 mozos, así como outro plan xuvenil de acceso á vivenda. "As políticas públicas que defendemos van da man de ter unha Xunta do benestar, que xere emprego e, fronte a iso, atopámonos cun Partido Popular que quere despilotar a reactivación e que rexeita as propostas da oposición", censurou.

Deste xeito, incidiu que, ante a "maior crise" o Partido Popular "debería ser máis permeable" para "mellorar o desastre deas as súas políticas". "Parece que só queren apoiar ou aprobar unha porcentaxe moi pequena de propostas da oposición", lamentou nunha intervención que volveu a tender a man dos socialistas para encarar a reactivación.

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, nunha rolda de prensa ofrecida o luns 28 de xuño. PSDEG
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, nunha rolda de prensa ofrecida o luns 28 de xuño. PSDEG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta