As Pontes di adeus á central térmica de Endesa, pero non á contaminación

O ecoloxismo alerta que a térmica será substituída por gas fósil, que podería converterse “nunha das maiores fábricas galegas de crise climática”.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/06/2021 | Actualizada ás 22:25

Comparte esta noticia

Por estes días de 2020 os ollos do ecoloxismo estaban postos na central térmica de Meirama. O xigante do municipio coruñés de Cerceda poñía fin á súa actividade tras máis de 40 anos de emisións contaminantes que, en certos casos, fixeron da vida dos veciños máis próximos un auténtico calvario. Hoxe, as olladas diríxense a uns quilómetros ao norte, onde a térmica das Pontes --de Endesa-- estaría a exhalar os seus derradeiros estertores. 

Endesa nas Pontes
Endesa nas Pontes | Fonte: Comité de empresa.

A partir do mércores 30 de xuño arrincará o proceso de abandono e peche destas instalacións que o movemento ecoloxista cataloga como “a gran fábrica de cambio climático de Galiza”, en palabras de Galiza, un futuro sen carbón. Dende a plataforma subliñan que a planta pasará a situación de “dispoñibilidade” a partir da nomeada data; é dicir, que non freará aínda totalmente a súa actividade pero que esta se verá moi reducida. 

“Non se desconectará aínda da rede, mais apenas funcionará”, destacan dende a plataforma, que engade: “Isto supón o comezo do fin da que ten sido unha das maiores fábricas de crise climática de toda Europa”. E é que, segundo apuntan, até o anoo 2019 a térmica das Pontes --alimentada con carbón-- xeraba unha cuarta parte das emisións galegas de CO2, “equivalentes ou superiores ás de moitos pequenos estados” e que “representaban un 25% das emisións totais de gases efecto invernadoiro de Galicia”.

De acordo coa mesma plataforma, o papel contaminante da térmica das Pontes mantívose no primeiro ano da pandemia; xa que aínda en 2020 “botou máis dun millón de toneladas á atmosfera”. É por esta razón que dende Galiza, un futuro sen carbón instan á administración pública a “planificar o abandono doutros combustíbeis fósiles” --entre os que sinalan directamente o gas-- para “non cometer o mesmo erro” que nas Pontes.

A CONTAMINACIÓN PERSISTE 

A plataforma verde subliña isto en atención ao feito de que a propia Endesa seguirá producindo electricidade “sucia” nas Pontes. E é así porque, aínda que a térmica de carbón teña os días contados, ao carón desta sitúase a central de ciclo combinado con gas fósil situada á beira da de carbón, operativa desde 2008 pero con “escasa actividade” até o colapso do carbón, de aí que, a ollos dos ecoloxistas, teña todas cartas de trocar nos próximos anos “nunha das maiores fábricas galegas de crise climática”.

“O gas fósil non pode converterse no novo carbón, como está a acontecer”, inciden. “Se se compara a xeración eléctrica galega de 2020 coa de 2015, o gas cubriu un 20% da redución da produción con carbón. Unha porcentaxe que tería sido moito maior se 2020 tivese sido un ano con baixa xeración renovábel (por menores precipitacións e vento) e de non ter baixado moito o consumo eléctrico por causa da COVID-19 (2)”. 

“O negacionismo da necesidade urxente de abandonar todos os combustibles fósiles (na xeración eléctrica xa antes de 2030), deixar totalmente en mans do mercado e do oligopolio enerxético as decisións sobre o momento dos (inevitables e desexables) peches, e renunciar desde os poderes públicos á planificación con suficiente anticipación dunha transición xusta para os traballadores e traballadoras e para as comunidades locais, son erros que non deberían repetirse no futuro”, engaden.    

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta