De ENCE ás augas fecais: estes son os maiores casos de contaminación da costa galega

Ecoloxistas en Acción publica a súa listaxe de 'bandeiras negras', con seis casos que se reparten entre A Coruña, Lugo e Pontevedra.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/06/2021 | Actualizada ás 21:45

Comparte esta noticia

A plataforma Ecoloxistas en Acción vén de lanzar as conclusións do seu estudo sobre a contaminación en areais galegos. En total, a asociación ecoloxista identificou seis praias galardoadas coa retranqueira medalla das “bandeiras negras”, dignas daqueles espazos que, por distintas circunstancias, presentan un estado ambiental negativo a ollos da plataforma.

Saída do colector vello de saneamento no Pindo chea de contaminación por fecais
Saída do colector vello de saneamento no Pindo chea de contaminación por fecais | Fonte: Quino Pais

O reparto das praias ou espazos en mala situación é equitativo entre as tres provincias galegas que contan con saída ao mar. A Coruña, Lugo e Pontevedra contan, respectivamente, con dous espazos catalogados baixo a bandeira negra; se ben no caso da Coruña a circunstancia é distinta, posto que os ecoloxistas inclúen na conta as minas de San Finx, que polas verteduras acontecidas nos últimos anos tería prexudicado a Ría de Muros-Noia, en particular no tocante á zona máis interior.

O caso das Minas de Finx, en Lousame, son un exemplo particularmente virulento de contaminación ambiental. Segundo explican dende Ecoloxistas en Acción, a drenaxe continuada de augas mineiras favorece a disolución de metais pesados; entre eles o cadmio, definido como “substancia perigosa prioritaria”, destacan, e que aparece en niveis de concentración ilegal nesa parte interior da Ría.

O caso coruñés continúa coa Praia Virxe do camiño, no municipio de Muros, que recibe a bandeira negra por “mala xestión”. Segundo apuntan, o caso deste areal urbano “exemplifica o problema das verteduras de augas residuais ao medio mariño”. Ao parecer, durante 5 anos a praia obtivo unha cualificación insuficiente por non cumprir os valores establecidos para cualificar a un areal como apto para o baño. 

“Ano tras ano repetíronse as analíticas dando como resultado que a praia presenta contaminación fecal, e constátase que non se realizou ningunha mellora na zona por parte das autoridades competentes para solucionalo e que acabaron coa decisión de pechar a praia para o baño ao finalizar a tempada de verán do 2019”, subliñan.

PONTEVEDRA

No caso da provincia Pontevedresa, o primeiro dos dous casos escollidos por Ecoloxistas en Acción atópase debuxado pola sombra de ENCE. E é que a primeira praia con bandeira negra desta provincia non é outra que a dos Praceres, na ría de Pontevedra.

A plataforma ecoloxista explica que a pasteira de ENCE, tantas veces apoiada polo presidente da Xunta, verte ás augas da ría ao redor de 35.000 m3 de augas que, segundo as analíticas das inspeccións que realiza a propia administración autonómica, “conteñen elevados niveis de materia orgánica e, frecuentemente, unha elevada carga de microorganismos fecais”.

O segundo caso de contaminación en Pontevedra estaría na Ría de Vigo. Ecoloxistas en Acción acusa ao Porto de Vigo de “mala xestión” polos recheos efectuados --e previstos-- na ría olívica. Segundo apuntan, a autoridade portuaria pretendería ampliar a superficie dos peiraos en máis de 200.000m2, unhas obras que carrexarían “alto risco de contaminación por terras”, así como unha modificación da hidrodinámica da ría que podería afectar á biodiversidade da zona, “causando un dano irreversible á natureza”.

LUGO

No caso lucense, o primeiro dos exemplos sinalados por Ecoloxistas sitúase no concello de Burela. É aquí onde a plataforma ecoloxista denuncia as verteduras de augas residuais sen achegarlles un “tratamento adecuado” que lle valen a toda a zona a consideración de bandeira negra; consecuencia dun sistema de tratamento “deficiente” e que tamén pon en risco a pervivencia do ecosistema. 

A consecuencia non é outra que as “continuas verteduras de augas fecais sen tratamento adecuado ao medio mariño”. “Tanto o goberno local como o autonómico levan tempo anunciando a ampliación e mellora da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR), sen que se chegue a concretar esta actuación”, destacan dende a plataforma.

Por último, o informe de Ecoloxistas pecha a súa listaxe de bandeiras negras aludindo ao proxecto para construír o espigón da Praia de Altar, no Concello de Foz, obra que tamén carrexaría o desenvolvemento dunha dragaxe sobre os fondos mariños. A problemática estaría en que a zona escollida para a obra “forma parte dunha Zona de Especial Conservación ( ZEC) e Zona de Especial Protección para as Aves ( ZEPA) da Rede Natura 2000”.

Así é que a intervención “traerá consecuencias impredicibles” nas zonas de alimentación e cría de especies vulnerables, segundo apuntan dende Ecoloxistas, que denuncia que o estudo de impacto ambiental do proxecto “non avalía o impacto da dragaxe nas zonas de praderías mariñas” da especie Zostera noltii, presentes nas zonas onde se expoñen os traballos.  Por isto emprazan ao MITECO a que “no canto de acometer unha actuación tan lesiva débese coidar por remediación natural de que o areal non perda a area que está a ser achegada polas correntes mariñas.”

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta