Piden 24 anos de cárcere para un home que "claramente" tentou asasinar á súa exmuller e ao seu fillo

O acusado recoñece que quebrantou unha orde de afastamento para acceder ao domicilio familiar pero nega que fóra a matalos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/06/2021 | Actualizada ás 17:32

Comparte esta noticia

A Fiscalía ratificou a súa petición de condena a 24 anos de cárcere para un veciño de Ponteareas ao considerar que durante o xuízo quedou "claramente acreditado" que é o autor dun delito de asasinato en grao de tentativa cometido contra a súa ex esposa, dun delito de homicidio en grao de tentativa contra o seu fillo e dun terceiro delito de quebrantamento de condena, xa que tiña vixente unha orde de afastamento sobre a súa ex muller.

A Sección Cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra deixou este martes visto para sentenza este xuízo. A fiscal sinalou que o testemuño ofrecido polo fillo da vítima ten "verosimilitude, ausencia de incredibilidade subxectiva e persistencia na incriminación" que está, ademais, "reforzado" pola "innumerable" cantidade de probas que se achegaron ao longo da vista oral.

As declaracións da exparella e do fillo producíronse a porta pechada. A muller sofre unha amnesia parcial e só lembra que pediu auxilio porque lle estaba pegando. O pasado 9 de xaneiro de 2020 o acusado fora condenado por un delito de ameazas ao dicirlle á súa muller que non ía chegar viva ao Nadal e que lle ía a cortar o pescozo. O xulgado prohibiulle achegarse a menos de 100 metros da súa esposa.

DIVORCIO

Apenas seis días máis tarde, celebrouse a vista do divorcio que acordou que o domicilio familiar, unha vivenda que recibira o acusado en herdanza, sería utilizado por cada un dos cónxuxes por un período alterno de seis meses. Esta medida causoulle "gran malestar" como el mesmo admitiu nun bar do pobo.

O acusado recoñeceu que ese día quebrantou unha orde de afastamento para acceder ao domicilio familiar. Segundo o seu propio testemuño, deixou o coche apartado nun camiño a 500 metros da casa. "Non quería que me visen", admitiu. Ao entrar na vivenda saudou á súa exmuller e a esta "deulle algo e se desmaiou no chan", afirmou ante o tribunal, "caeu contra un conxelador". "Non a golpeei", asegurou.

Un dos catro fillos deste matrimonio, que se atopaba na vivenda, acudiu entón á cociña. "Dirixiuse a min, agarrámonos un e outro e caemos ao chan", manifestou. "Funme", declarou o acusado.

Este home afirmou que non levaba nada na man e non soubo explicar porqué a súa roupa estaba chea de sangue. Tampouco avisou a ninguén de que a súa muller e o seu fillo estaban inconscientes no chan da casa familiar. "Non se me pasou", afirmou. Cando chegou a Garda Civil á súa vivenda atopárono "tranquilo" de ánimo e "frío" nas súas respostas.

Os veciños desta familia viron ao mozo sangrando pola cabeza e pedindo auxilio porque o seu pai estaba a matar á súa nai.

No seu informe final a fiscal indicou que o home se escondeu nun anexo da vivenda co propósito de atacar á súa exparella "con aleivosía" sen que esta lle vise e tivese ocasión de defenderse. Tampouco esperaba que estivese ninguén máis na casa porque facía anos que vivían sós desde que os seus fillos se foron de casa tras independizarse.

Para atacar á súa excompañeira utilizou "un obxecto contundente" de ferro para golpeala na cabeza, "cun ánimo homicida claro" sinalou a fiscal. Posiblemente usou o atizador da cheminea ou unha machada, o primeiro obxecto non apareceu pero foi descrito polo fillo mentres que a machada atopouse no lugar do suceso con restos biolóxicos da vítima, tal e como indicou o laboratorio de Criminalística da Garda Civil.

A Sección Sexta da Audiencia Provincial da Coruña acolle un xuízo
A Sección Sexta da Audiencia Provincial da Coruña acolle un xuízo | Fonte: arquivo


FERIDAS DEFENSIVAS

As forenses do Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga) rexeitaron que as lesións que presentaba a muller fosen compatibles cun desmaio tal e como argumentaba ao acusado. Presentaba unha ferida inciso contusa de gran extensión na cara desde a boca ata a carótida, cunha perda parcial da orella. As feridas que presentaba o fillo nos brazos eran "defensivas" presentando un golpe inciso contuso na cabeza "producido cun obxecto contundente" e incompatible cunha caída.

As lesións da muller demostran que o agresor supostamente continuara golpeándoa "con reiteración e brutalidade" con ese obxecto. A muller sufriu diferentes secuelas tras a agresión e necesitou varias intervencións cirúrxicas e perdeu o bazo.

Por todo iso, ademais da petición de condena a 24 anos de cárcere a fiscal solicita unha indemnización de 50.000 euros para a muller e de 15.000 euros para o fillo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta