Denuncian que Feijóo obstaculiza a Lei de Eutanasia en Galicia por "oposición ideolóxica"

O Colectivo de Traballado Social de Galicia apunta á "demora" na conformación das Comisións que manda a lei; das que, á parte, se ven "excluídos".

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/06/2021 | Actualizada ás 12:40

Comparte esta noticia

Nova denuncia do Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia. Desta vez, as miras do colectivo dos traballadores sociais queda posto na coñecida como Lei de Eutanasia, unha das grandes bazas do Goberno central e que vén de entrar en vigor o pasado 25 de xuño. O COTSG denuncia que a Xunta estaría a demorar de forma “inxustificada” a creación das Comisións de Garantía contempladas nesa lei.

Feijóo na rolda de prensa sobre asuntos sanitarios.. ANA VARELA
Feijóo na rolda de prensa sobre asuntos sanitarios.. ANA VARELA | Fonte: XUNTA

“Galicia acumula un notable atraso no proceso mentres a maior parte das outras comunidades autónomas xa están a pór en marcha as súas comisións”, apuntan dende o colectivo. En concreto, o COTSG sinala ás CCAA de Asturias, a Comunidade Valenciana, Madrid ou Cataluña; territorios onde, por outro lado, “a figura das e dos traballadores sociais xa están incluídas nos comités”. 

Non é o caso de Galicia, xa que, segundo apuntan, a Xunta “ignorou” os “escritos fundamentados e as tentativas de comunicación por parte do Colexio galego”. De aí que o colectivo de traballadores sociais denuncien unha “exclusión” dos profesionais do seu ramo dos órganos de xestión da Lei de Eutanasia, cuestión que ven “inxustificada” en tanto que, segundo apuntan, o papel de coñecemento do traballador social capacita para dar apoio en moitas das difíciles circunstancias que se atopan no camiño da eutanasia. 

“Xa no mes de maio, dous meses despois da aprobación desta normativa no Congreso e sen que a Xunta tivese desenvolto a creación das Comisións, dende o Colexio solicitouse ao Goberno galego que se tivese en conta a figura das e dos traballadores sociais sanitarios dentro das mesmas e ofreceu toda a súa colaboración para facer isto posible”, destacan dende o Colexio, e sen éxito nas súas peticións.

De aí que acusen á Xunta de “non considerar” a súa inclusión nas comisións, circunstancia que ao seu ver “vulnera a valoración integral dos casos que solicitan a aplicación desta  Lei pola ausencia de profesionais que sopesen de maneira específica os condicionantes sociais de cada persoa”.

"OPOSICIÓN IDEOLÓXICA"

A demora apuntada polos traballadores sociais de Galicia podería deberse, segundo eles mesmos apuntan, á “oposición ideolóxica” do Goberno da Xunta á cuestión da eutanasia. De aí que, segundo din o Goberno galego teña “ignorado reiterativamente” a presenza de traballadores sociais nas Comisións, á parte do propio atraso co que estas se estarían a desenvolver. 

Neste aspecto, o colectivo apunta directamente ás declaracións de Núñez Feijóo sobre a Lei de Eutanasia; palabras “abondo aclaratorias” --a ollos dos profesionais-- para deixar sobre o papel o pensamento do presidente da Xunta sobre a norma. O Colexio subliña, neste aspecto, unha intervención de Núñez Feijóo recoñecendo que o desenvolvemento dos documentos de aplicación da lexislación sobre a eutanasia no Sergas está a efectuarse “por obriga legal” e apostando por alongar a vixencia da lexislación autonómica previa en materia de dereitos e garantías de pacientes con dereitos terminais, o que, a ollos da plataforma, supón na práctica negar o carácter superior e urxente - pola súa xa plena vixencia- da Lei Orgánica 3/2021 de Regulación da Eutanasia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 xosel

Pode que teña que pasar por diante do xuíz algún cargo do pp, e ata é posible que sexa da familia de Feijoo (por estadística)