Os concellos en nivel medio ou alto non poderán reabrir o lecer nocturno

O regreso de pubs e discotecas estaba marcado para o 1 de xullo, pero en concellos con nivel medio ou alto --entre eles Pontevedra-- a reapertura queda adiada.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/06/2021 | Actualizada ás 14:56

Comparte esta noticia

O lecer nocturno non poderá abrir nos 11 municipios galegos que a partir das 00,00 horas do próximo sábado non se atoparán en nivel epidemiolóxico baixo, unha situación na que se atopa a cidade de Pontevedra. Tampouco se poderán realizar verbenas nin festas populares.

En concreto, a apertura desta actividade estará permitida nos municipios galegos que se atopen en nivel baixo a partir deste xoves, día 1 de xullo. Con todo, as novas medidas adoptadas polo Comité Clínico na súa reunión do martes elevan o nivel en varias localidades, nas que non estará permitida a reapertura.

Así, segundo as últimas decisións que a Consellería de Sanidade prevé publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG) na xornada do xoves e que entrarán en vigor ás 00,00 horas do próximo sábado, mantense en nivel alto Sarria, situación á que ascende Carnota. Ademais, estarán en nivel medio Cambre, Castroverde, Oia, Barro, Cambados, Poio, Pontevedra, Vilaboa e Vilanova de Arousa.

Neste contexto e co obxectivo de evitar que se poida dar a situación na que establecementos de lecer nocturno destas localidades abran ao público na noite do xoves --antes da entrada en vigor ás 00,00 horas do sábado das novas restricións que elevan o seu nivel--, a Xunta contactará cos concellos para tratar de evitar esta posibilidade.

Así o confirmou o secretario xeral técnico da Consellería de Sandiade, Alberto Fontes, nunha rolda de prensa ofrecida este mércores e na que tamén participaron a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán; e o xerente do Servizo Galego de Saúde, José Flores Arias.

AFORAMENTOS

Nos municipios en nivel alto, o resto da hostalaría permanecerá pechada no interior e terá un aforamento do 50% en exteriores. Pola súa banda, no nivel medio, estes establecementos terán unha ocupación máxima do 30% en interiores e do 50% en terrazas.

Na súa intervención, ademais, Fontes precisou que as medidas aprobadas polo Comité Clinico non contemplan o peche perimetral dos municipios en nivel alto --Carnota e Sarria-- tendo en conta que esta decisión se reserva para as localidades en nivel máximo, un estado no que tamén se decreta o uso obrigatorio das máscaras en exteriores.

Mozos na Sala Pelícano durante a realización dunha proba piloto da reapertura do lecer nocturno, a 12 de xuño de 2021, na Coruña, Galicia, (España). Con esta proba, que se realizará en discotecas de diversas localidades da rexión, ten. M. Dylan - Europa Press
Mozos na Sala Pelícano durante a realización dunha proba piloto da reapertura do lecer nocturno, a 12 de xuño de 2021, na Coruña, Galicia, (España). Con esta proba, que se realizará en discotecas de diversas localidades da rexión, ten. M. Dylan - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta